A importancia do enfoque local na comunicación de riscos ambientais: o caso do radon
Os investigadores do grupo Novos Medios, Cruz Negreira Rey, Jorge Vázquez Herrero e Tania Forja Pena, veñen de publicar o artigo Radon Risk Communication through News Stories: A Multi-Perspective Approach na revista International Journal of Environmental Research and Public Health.
Nesta publicación analízase a comunicación do risco asociado ao radón a través da cobertura informativa dos medios xornalísticos. O estudo emprega un enfoque mixto que combina a análise de contido de 579 noticias publicadas en 23 cabeceiras locais das provincias máis afectadas en España, entrevistas con xornalistas e unha enquisa cidadá sobre hábitos de consumo informativo, percepción da información sobre o radon e confianza nas distintas fontes.
Os resultados revelan que os medios seguen a ser unha canle esencial para a difusión de información cun grande impacto na cidadanía. Porén, obsérvase que, malia un aumento na cobertura mediática sobre o radon nos últimos anos, esta segue a ser insuficiente para xerar unha conciencia pública efectiva. A narrativa xornalística céntrase en aspectos técnicos e de saúde, pero carece dun enfoque próximo e emocional que anime á poboación a actuar.
Por outro lado, os cidadáns consideran ás institucións científicas e organismos especializados como as fontes máis fiables, aínda que acceden á información principalmente a través dos medios. Esta desconexión limita o impacto das mensaxes difundidas. Ademais, os xornalistas destacan as dificultades para posicionar o radon na axenda mediática, principalmente pola percepción do risco como un problema sen inmediatez.
O artigo subliña a importancia dunha colaboración interdisciplinar entre medios, científicos e administracións públicas. Estratexias máis efectivas, como narrativas adaptadas ao contexto local e un maior uso das redes sociais, poderían pechar a fenda entre o coñecemento técnico e a acción cidadá.
Esta investigación constitúe un chamado a reforzar a comunicación do risco asociado ao radon, especialmente no marco do Plan Nacional contra o Radon, que representa un avance cara a unha maior sensibilización e prevención. Este gas é un exemplo paradigmático de como os riscos ambientais deben ser comunicados de maneira estratéxica para transformar coñecemento en acción.
A investigación insírese no proxecto Radón en España: percepción da opinión pública, axenda mediática e comunicación do risco (RAPAC), desenvolvido polo grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela, e financiado polo Consello de Seguridade Nuclear.
Pode consultar o artigo completo aquí
Referencia: Negreira-Rey, María-Cruz; Vázquez-Herrero, Jorge; Forja-Pena, Tania (2024). Radon risk communication through news stories: A multi-perspective approach. International Journal of Environmental Research and Public Health, 21(10), 1302. https://doi.org/10.3390/ijerph21101302