X, Bluesky e o enigma do aburrimento

 Ao longo da pasada semana comezou a aparecer entre os usuarios de Bluesky un cualificativo para definir unha rede social ata agora moi pouco empregado: ‘aburrida’. Uns cantos usuarios comezaron a bromear ao redor disto, identificando con facilidade a raíz desa sensación de aburrimento. “Mantengamos Bluesky aburrido si eso es sinónimo de anticasito” (@ignaciopato), “Que Bluesky es aburrido es absolutamente verdad. También es aburrido dejar la droga y estar sobrio” (@raquelpelaez) ou “Eso de que Bluesky es aburrido recuerda al soldado retirado que añora la guerra (@juanroures). En gran medida a porta foi aberta por un artigo publicado na Jot Down (19/02/2025) da man de Hipólito Ledesma, no que realiza esta caracterización hilarante sobre as tres redes sociais de carácter de máis carácter textual e conversacional: “En un universo conversacional donde Twitter es un after lleno de trolls en plena combustión y Facebook se ha convertido en la feria del reencuentro con tu tío conspiranoico y tu amor platónico de educación infantil, Bluesky emerge como un espacio pulcro donde la polémica muere antes de nacer”. 

Vagas migratorias

Ata o momento, o ‘aburrimento’ non fora un termo de uso común á hora de que os usuarios describiran o ambiente xeral dunha rede social, pero tamén é nova a rede á que está asociada, Bluesky. Naceu en 2019 coma un proxecto dentro do propio Twitter ata que en 2021 se converteu nunha empresa independente da man de Jay Graber. O crecemento de usuarios en Bluesky é tamén inédito na historia das redes sociais: como unha reacción dos usuarios ante os cambios na súa rede matriz. Poderiamos citar como fitos de migración de usuarios a adquisición de Twitter por Elon Musk en 2022 e os cambios e enfrontamentos vividos entre entón: o bloqueo de Twitter por orde xudicial no Brasil (4 millóns de usuarios novos), os cambios nas funcións de bloqueo e nos termos de servizo de Twitter (1,2 millóns de usuarios novos en dous días) ou os cambios políticos nos Estados Unidos e a consideración por parte de moitos usuarios de que Musk alterara os algoritmos desta rede para beneficiar a visibilidade dos contidos que favorecían a Donald Trump e a ultradereita, incentivado a desinformación e os contidos tóxicos. Deste xeito, a vitoria de Trump en novembro de 2024 e a toma de posesión o 20 de xaneiro de 2025 desembocaron en novas migracións de usuarios que fan que na altura de publicación desta nota, Bluesky supere os 32 millóns de contas. Aínda que os datos son bastante opacos, este crecemento foi parello á perda de usuarios de X, estimado de entre 6 e 7 millóns de usuarios mensuais entre 2023 e 2024. Porén, segundo Musk a plataforma en maio de 2024 contaba con 600 millóns de usuarios activos. A diferencia con Bluesky continúa a ser notable. Outra rede de modo textual na órbita de Bluesky, Threads -parte do universo Meta e intimamente conectada con Instagram- móvese segundo Mark Zuckerberg en máis de 300 millóns de usuarios. Estes datos xa sinalan que a dinámica de Bluesky non é exactamente a dunha rede de uso masivo.

Motivacións tecnolóxicas, xeneracionais e culturais: o modelo tradicional de migració

A numerosa literatura científica ao redor dos ciclos de vida das redes sociais ten destacado o carácter dinámico da súa evolución, aínda que de algún xeito seguimos considerando como modelos as redes sociais de primeira xeración, como Friendster, Tuenti, Orkut ou Myspace. E nas causas do abandono dunhas redes e a migración a outras, os modelos enfatizan a combinación de causas xeneracionais, tecnolóxicas, sociais e culturais, formando un todo combinado na que non é posible entender as unhas sen as outras. Deste xeito, ata o momento cada rede social foi ocupando e redefinindo espazos e ámbitos anteriores, nun modelo tecnolóxico evolucionario que tamén corresponde a unha transformación cultural na que o texto cede terreo ás modalidades expresivas audiovisuais. No declive de Facebook a Instagram, por exemplo, está a fuxida xeracional pero tamén o avance cara unha actitude fronte á imaxe persoal e o contido audiovisual. A realidade de novas xeracións nacidas co smartphone reúnense, xa que logo, coas consecuencias comunicativas desa transformación tecnolóxica e a penetración da industria dos estilos de vida no mercado das redes. No paso de Instagram a Tiktok esa cultura audiovisual adquire unha nova dimensión, e a rede penetra ata ámbitos sociais ata o momento pouco explorados, como as amas de casa, ou os traballadores de servizos, nos que os consumos teñen que ser moi rápidos, audiovisuais, consumibles nos desprazamentos en transporte público ou nos pequenos recesos e de natureza moi evasiva. 

As redes sociais como espazo público e a batalla pola hexemonía

Esta nova situación de Bluesky pon sobre a mesa unha nova motivación, que responde tamén a un novo escenario social e político de ámbito global. Os motivos declarados do abandono de Twitter e adopción de Bluesky son políticos: teñen que ver coa idea que teñen moitos usuarios do que debe ser a esfera pública e do papel que as redes sociais deben xogar nela. Tamén coa consideración -en gran medida real- desas redes como epicentro dese espazo de discusión pública no que converxen todo tipo de actores con intereses contrapostos ou complementarios. A primeira migración ideolóxica que vivimos nas redes sociais deu lugar, xa que logo, a algo que algúns usuarios consideran ‘aburrimento’ e, outros, referíndose doutro xeito ao mesmo, e quizais na procura de aspectos positivos, como ‘paz’. Ten que ver esa percepción do ‘aburrimento’ coa ausencia real de confrontación, coa escasa diversidade ideolóxica dos usuarios ou quizais con cuestións máis técnicas da plataforma, coma o axuste dos algoritmos de representación que non favorece a diversidade de contidos? Herdan os usuarios unha cultura da confrontación dialéctica que agora botan en falta, ou é precisa unha rede máis diversa e numericamente robusta para triunfar? Aínda que non dispoñemos de datos contrastados destes perfís, a percepción xeral en reportaxes e artigos é que o perfil dos migrantes a Bluesky encádranse ideoloxicamente na esquerda, ou na cultural liberal norteamericana; o seu perfil profesional móvese ao redor das industrias culturais, da comunicación e do activismo social e cultural.

En gran medida, os vellos modelos de abandono e adopción de redes non parecen servir do mesmo xeito. Se empregamos Google Trends para observar tendencias a cinco anos (2020-2025), observamos un interesante fenómeno: un acusado descenso de Facebook ata 2022, e a partir de aí unha atenuación das dinámicas negativas desta rede. Mesmo, aínda que é cedo para confirmalo, , o affaire X/Bluesky parece terlle beneficiado en mercados como España. Instagram, Tiktok e X non rexistran crecementos nin descensos acusados, delatando un mercado maduro de marcas e usos sociais das redes que a aparición de Bluesky non parece ter alterado demasiado. Os vindeiros meses -e todo parece indicar que estarán cheos de batafoula política que anime a circulación- serán decisivos para saber se esta plataforma se convertiu nunha alternativa á influencia política e social de X.