Un estudo dun investigador de Novos Medios subliña como os principais xornais europeos enfócanse en chatbots e unha perspectiva negativa cando informan do uso político da IA 

Aínda que a desinformación política supón unha ameaza crecente para a calidade da democracia ao alimentar unha esfera pública na que predomina a desconfianza, a súa relación coa xeneralización da IA ten sido pouco explorada. Nesta materia, a revista Journalism Practice vén de publicar o artigo “Reporting AI in Political Disinformation: Journalistic Discourses in European Quality Newspapers”, no que participa o investigador do grupo Novos Medios Rubén Rivas-de-Roca, xunto coa profesora Concha Pérez-Curiel (Universidad de Sevilla) e o profesor Andreu Casero-Ripollés (Universitat Jaume I de Castelló). 

O estudo examina como cinco medios de comunicación europeos (Tagesspiegel, The Guardian, Le Figaro, Corriere della Sera e El País) informaron do uso político da IA durante o ano 2023. Mediante unha análise de contido baseada na teoría do framing identificáronse os conceptos e tecnoloxías mencionados con máis frecuencia nas noticias sobre IA e desinformación política. Os resultados revelan unha abordaxe xornalística relativamente fragmentada, mais cunha lixeira tendencia cara a representacións negativas da IA, centrándose principalmente nos chatbots. 

Malia as poucas probas sobre o impacto real dos chatbots no eido político, estes ocupan un lugar destacado no discurso dos medios de comunicación. Ademais, o estudo ofrece unha perspectiva crítica sobre como a prensa de calidade está a participar na normalización das tecnoloxías emerxentes nun contexto político cambiante. En definitiva, a análise salienta a necesidade dunha abordaxe máis profunda e matizada do papel da IA na desinformación para fortalecer a integridade democrática. 

A investigación contribúe a unha literatura emerxente sobre a IA no xornalismo, argumentando que a información política deste tema inclúe representacións positivas e negativas, pero cunha certa atención aos tratamentos neutros e negativos. As connotacións proporcionadas vencéllanse co emprego de termos específicos. Por tanto, a IA está lonxe de ser representada como unha solución ao problema de desinformación. 

Podes atopar o artigo nesta ligazón.

Referencia  

Rivas-de-Roca, R., Pérez-Curiel, C., & Casero-Ripollés, A. (2025). Reporting AI in Political Disinformation: Journalistic Discourses in European Quality Newspapers. Journalism Practice, 1–18. https://doi.org/10.1080/17512786.2025.2505961