IA nas redaccións: unha espada de dobre fío
A intelixencia artificial continúa a introducirse nas nosas rutinas de forma inexorable. E, como consecuencia, está cada vez máis presente no foco mediático: marabillámonos das súas capacidades, asustámonos polo que pode implicar e levamos as mans á cabeza cando se usa con fins pouco éticos ou perniciosos.
A IA xenerativa, en particular, é un elemento disruptivo que está revolucionando a nosa sociedade, e polo tanto tamén o campo da comunicación, a unha velocidade moi superior á de innovacións tecnolóxicas anteriores. No xornalismo, os debates éticos e deontolóxicos que aparecen deben ser analizados para vixiar que esta doutrina segue cumprindo coa súa labor na sociedade.
ChatGPT aparece a finais do 2022 e, un ano despois, é un dos exemplos máis claros da democratización que sufriu e segue sufrindo a IA xenerativa. O feito de ofrecer unha versión gratuíta así como a non necesidade de coñecementos previos para poder empregala son dous aspectos clave deste fenómeno.
Nas redaccións xornalísticas, esta ferramenta ofrece numerosas posibilidades, pero tamén riscos que deben ser tidos en conta. No artigo ‘AI application in journalism: ChatGPT and the uses and risks of an emergent technology’, publicado na revista científica Profesional de la Información, puxemos a proba as posibilidades desta IA nas redaccións.
Para esta investigación contouse coa colaboración de doce xornalistas de diferentes ámbitos que se comprometeron a probar ChatGPT en tarefas que realizan no seu día a día nas redaccións. Os resultados mostran que a IA permite axilizar procesos e automatizar tarefas. Libera aos xornalistas dos traballos máis mecánicos e monótonos, deixándolles máis tempo para traballar en temas máis complexos e que requiran dunha maior profundidade.
Tamén hai inconvenientes e cuestións que propoñen dilemas éticos e incluso legais: a posibilidade de que a información proporcionada pola IA non sexa correcta, a cuestión dos dereitos de autor e a responsabilidade dos contidos creados por unha IA, o risco que pode supoñer para a privacidade dos usuarios ou un moi probable nesgo algorítmico son algúns deles.
Coma todo, a IA é só unha ferramenta cuxa bondade depende do que se fai con ela. Porén, neste caso, coma en outros moitos, o desenvolvemento tecnolóxico vai máis rápido que a lexislación e a necesaria reflexión sobre a propia tecnoloxía. É por iso imprescindible que actuemos con prudencia á hora de incorporar esta tecnoloxía nas redaccións: valorando pros e contras e vixiando sempre que os valores xornalísticos permanezan e se respecten os códigos deontolóxicos, pero sen caer tampouco en medos irracionais.