Lei Europea de Liberdade dos Medios de Comunicación
Desde hai un tempo a UE vén mostrando a súa preocupación pola politización dos medios e pola falta de transparencia na súa xestión, especialmente no relativo á súa propiedade. Para as autoridades comunitarias resulta un obxectivo prioritario combater as inxerencias políticas nas decisións editoriais dos medios públicos e privados e, á vez, protexer os xornalistas e as súas fontes, o que -aseguran- redundaría nunha maior garantía do pluralismo, da liberdade e, en definitiva, do dereito á información que ten a cidadanía.
A entrada en vigor da Directiva de Servizos de Comunicación Audiovisual en 2018, trasposta ao ordenamento español como Lei Xeral de Comunicación Audiovisual (2022), puxo sobre a mesa a posibilidade de elaborar un Regulamento Europeo de Liberdade dos Medios de Comunicación en que se propoñería a creación dun Comité Europeo de Servizo de Medios de Comunicación para substituír o actual ERGA (Grupo de Entidades Reguladoras Europeas para os Servizos de Comunicación Audiovisual). Segundo fontes europeas, ese Comité estaría integrado polas distintas autoridades nacionais de medios de comunicación e serviría para aplicar de xeito uniforme as disposicións en toda a Unión.
En setembro de 2022 a Comisión Europea fixo pública a súa proposta de Regulamento. Nela avógase pola existencia de medios de comunicación independentes cunha fonte de financiamento estable, transparencia en canto á propiedade das empresas periodísticas, salvagarda da independencia editorial, fomento do pluralismo informativo ou mingua da concentración empresarial. A Comisión xustifica a necesidade de acometer estas accións polas debilidades sinaladas nos seus propios informes e mais nos índices do Media Pluralism Monitor, o instrumento que avalía o pluralismo nos medios de comunicación. A estas cuestións cumpriría engadir o forte impacto que están tendo as tecnoloxías de automatización na creación de contidos ou o emprego de programas espías (spyware) para a obtención de información, ambos os dous casos operativos sen intervención humana, pero non sen propiedade nin desenvolvemento.
O Parlamento Europeo, tras as negociacións coa Presidencia do Consello, presentou xa unha proposta de Regulamento de Liberdade dos Medios de Comunicación, posto que a intención conxunta dos órganos comunitarios é ter unha posición clara antes das próximas eleccións ao Parlamento, que se celebrarán do 6 ao 9 de xuño de 2024.
O debate está encetado. Como de plural hai que ser para medir o pluralismo? Quen verifica o verificador? Necesitamos regular a liberdade para sermos máis libres?