Potencialidades da intelixencia artificial para o xornalismo local

Moitos dos debates actuais ao redor do xornalismo, iniciados tanto dende a profesión como a academia, poñen o foco na intelixencia artificial. Aínda que a súa integración nos medios xa comezou na década pasada, a diversificación de ferramentas e a popularización da intelixencia artificial xerativa reavivaron o interese polas oportunidades e as ameazas da IA para o xornalismo.

Inteligencia-Artificial-Periodismo-Local

Entre as predicións para o xornalismo no ano 2023 do NiemanLab están a integración e as potencialidades da IA para os medios locais. A axencia Associated Press, unha das primeiras en empregar a automatización para a produción de pezas informativas, desenvolve o proxecto “Local News AI” para estudar a IA nos medios locais e traballar na transferencia dos seus resultados nun período de dous anos. O primeiro informe, publicado en marzo do 2022, evidencia o interese dos editores de medios locais por coñecer e implementar a IA nas súas redaccións. A IA poderíase aplicar nas fases de newsgathering, produción de contido, difusión en distintas plataformas e na xestión das audiencias ou accións de marketing. Supón unha oportunidade para facer máis eficientes algúns procesos de traballo nunhas redaccións con recursos humanos, técnicos e económicos que a miúdo son limitados. No marco do proxecto, AP lanzou un primeiro curso para xornalistas e editores locais.

Outros recursos de utilidade, tamén orientados a dar a coñecer as potencialidades da IA para o xornalismo local, son o informe “Practical AI for Local Media”, publicado por Media Voices en maio de 2023, ou o “Manual para principiantes: ChatGPT para editores de noticias locales”, creado por Joe Amditis. Aínda que estas achegas destacan as vantaxes do uso da IA para mellorar os procesos na produción, edición e difusión da información, tamén chaman a atención sobre algunhas das súas ameazas ou cuestionamentos éticos, entre os que están o nesgo ou a perda de creatividade.