O Proxecto Oasis mapea ata 540 medios nativos dixitais en 44 países
O Proxecto Oasis concíbese como unha investigación a longo prazo para o estudo da sostibilidade, a innovación e o impacto dos medios nativos dixitais independentes en 44 países europeos. Trátase dun proxecto colaborativo no que participan SembraMedia, o European Journalism Centre, a Google News Initiative, o International Media Support, o Media and Journalism Research Center e o Global Forum for Media Development.
Os primeiros resultados xa foron publicados, entre eles un directorio de 540 medios nativos dixitais. Este pódese consultar en aberto na web e achega información sobre a organización dos medios, a súa localización e ámbito de cobertura, financiamento, idioma de edición, tipo de contido, equipo editorial ou presenza e alcance nas redes sociais. Ademais pódense consultar os datos por país, tamén dispoñibles para España.
O Proxecto Oasis publicou tamén o seu primeiro informe, que pode lerse en castelán. Nos seus principais resultados destácase que máis da metade dos medios comezaron a publicar durante a última década e que o 58% foron fundados por mulleres. Tamén se observa que, de maneira maioritaria, priorizan temáticas sociais e de dereitos humanos e que a metade destina recursos para o xornalismo de investigación, creando alianzas internacionais. Máis da metade dos medios son organizacións sen ánimo de lucro, financiadas con becas e subvencións, doazóns ou membresías. Os resultados tamén revelan o ideal para a sostibilidade económica e a independencia é ter entre dúas e seis fontes de ingresos, así como o investimento no desenvolvemento de negocio con persoal especializado para esta función.