A Fundación Gabo publica un informe sobre os medios nativos dixitais en Latinoamérica

ElHormiguero_Gabo

A Fundación Gabo publicou no pasado mes de xullo o estudo ‘El hormiguero: informe sobre el estudio de medios nativos digitales latinoamericanos 2022”, que pode descargarse nesta ligazón. A investigación conta co apoio da Google News Initiative e é unha das máis completas sobre os medios nativos dixitais en Latinoamérica, presentando os resultados dun mapeo de 1.521 medios en 12 países (Arxentina, Bolivia, Chile, Colombia, Cuba, Ecuador, O Salvador, Guatemala, México, Nicaragua, Perú e Venezuela).

O informe actualiza a historia recente dos medios nativos dixitais en Latinoamérica, incluíndo contextos mediáticos e iniciativas xornalísticas pouco exploradas ata o momento. Ademais dos datos xerais sobre os medios mapeados, preséntanse doce estudos de caso nos que se aborda o desafío da sostibilidade, a desinformación, a liberdade ao exercicio da profesión, a calidade do xornalismo ou a responsabilidade social dos medios.