A crise da prensa local relaciónase cos desertos de noticias en diversos contextos mediáticos

O grupo de investigación Local News Initiative, da Northwestern University, chama a atención sobre a situación do xornalismo e dos medios locais no seu informe The State of Local News 2022. No contexto da postpandemia, continúa a crise da prensa local e a perda acelerada de diarios e semanarios. Os medios nativos dixitais que xorden como resposta non conseguen encher ese oco e máis dunha quinta parte dos cidadáns vive nos denominados desertos de noticias, cun acceso moi limitado ou inexistente ás informacións locais. Aínda que estes resultados reflicten a situación dos Estados Unidos, obsérvase que a desigualdade no acceso á información e ao xornalismo local é xa unha preocupación no plano internacional.

A investigadora Penny Abernathy, que asina o informe, advirte do perigo dos desertos de noticias para o funcionamento democrático das comunidades, tendo en conta o contexto de desinformación, polarización política, perda de confianza nos medios e fenda económica e dixital. Diante desta situación, propón medidas como a investigación para identificar as áreas xeográficas que están perdendo a súa cobertura informativa de proximidade, o deseño de políticas de apoio para o xornalismo local ou o desenvolvemento de axudas para o seu financiamento.

No ámbito da investigación, podemos atopar proxectos que identifican os desertos de noticias nos Estados Unidos, no Reino Unido, no Brasil ou en Portugal.