A cidadanía confía máis nas noticias que consome nos medios de comunicación ca nas que atopa nas plataformas dixitais

TrustGap_ReutersInstitute

Que papel xogan as redes sociais, os motores de busca e as aplicacións de mensaxería no deterioro da confianza da cidadanía nos medios de comunicación? Con esta pregunta comeza o informe ‘The Trust Gap: How and Why News on Digital Platforms Is Viewed More Sceptically Versus News in General’, recentemente publicado polo Reuters Institute for the Study of Journalism no marco do seu proxecto Trust in News Project. Nel preséntanse os resultados dunha enquisa realizada á cidadanía do Brasil, da India, do Reino Unido e dos Estados Unidos, a partir da cal se estuda a relación entre a confianza nas noticias e o uso e a percepción sobre as plataformas dixitais (Facebook, Google, Instagram, TikTok, Twitter, WhatsApp e YouTube).

Da investigación extráense algunhas conclusións comúns. Aínda que a maior parte da cidadanía valora positivamente as plataformas dixitais, tende a confiar menos nas noticias que lle chegan a través delas que nas que consome directamente nos medios de comunicación. Obsérvase tamén que os usuarios que máis confían nas informacións que atopan nas plataformas son os menores de 35 anos e que os máis escépticos son aqueles cidadáns que non fan ningún uso das redes sociais.

Os resultados amosan que os niveis de confianza están influenciados polos prexuízos que existen cara ás plataformas dixitais, así como polas percepcións negativas sobre a actividade xornalística e os seus profesionais. Porén, o reto para os medios de comunicación reside en intentar ser cada vez máis visibles nunhas plataformas nas que os usuarios non procuran intencionadamente a información nin teñen preferencia polo consumo de noticias. A mediación algorítmica das plataformas é un desafío engadido para chegar ás audiencias e captar aos públicos máis novos.