Deporte na USC

Captura de pantalla 2016-04-26 a las 18.04.02

Esta peza aborda a relación dos estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC) co deporte, un piar básico da vida cotiá de alumnos e docentes grazas ás múltiples posibilidades dispoñibles.

Descubrindo Santiago de Compostela é sinxelo decatarse de que esta é unha cidade netamente universitaria na que a cultura, a vida nocturna e a diversión rebosan por calquera curruncho. Mais non todo se reduce a estudo e festas, xa que a USC ofrece aos seus estudantes unha amplia gama de oferta deportiva para a promoción da saúde física e o entretemento.

Fútbol, baloncesto ou atletismo forman parte da oferta deportiva máis tradicional da universidade, que compite en torneos interuniversitarios a nivel galego e nacional. Porén, a oferta deportiva abrangue un abano de posibilidades maior, que vai do rugby ao tiro con arco, pasando polo kárate, a escalada ou, simplemente, as visitas ao ximnasio.

Estes espazos e actividades son abertos á toda a cidade de Santiago de Compostela, de xeito que os seus habitantes poden formar parte dunha gran comunidade deportiva.

O exercicio físico é unha parte importante da experiencia universitaria, que na institución compostelana se concentra, esencialmente, nos arredores do Campus Sur. Concretamente, en dous recintos: o Pavillón Universitario, anexo á residencia do Monte da Condesa e á Facultade de Óptica e Optometría; e as pistas de atletismo con ximnasio incorporado situadas xusto enfrente.

As actividades, nas que se pode participar de luns a sábado, adoitan facerse en grupo, o cal contribúe a forxar novas amizades e ligazóns cos demais deportistas. Os instructores son, amais, sempre expertos na materia que imparten e soen ser membros de clubes externos especializados.

Mais, practicar deporte a nivel amateur non é un impedimento para unirse á comunidade da USC, pensada como un espazo de integración a todos aqueles dispostos a mellorar a súa saúde física e mental.