Predicións para o xornalismo no 2026, segundo o NiemanLab
Como é habitual co cambio de ano, o Nieman Journalism Lab vencellado á Universidade de Harvard vén de compartir as súas predicións para os próximos doce meses no eido do xornalismo, a partir da visión de expertos. 2026 virá marcado pola consolidación de certas tendencias tecnolóxicas, pero tamén por un incremento do valor das persoas e o contido orixinal. Os especialistas consultados salientan os seguintes aspectos:
- A era da IA remodela o xornalismo, pero non o substitúe. Moitas das predicións destacan que a intelixencia artificial se seguirá integrando nas redaccións, automatizando tarefas repetitivas e axudando na adaptación dos contidos ás preferencias individuais, pero non será quen de substituír ao xornalismo humano. Por tanto, é aínda máis necesaria a supervisión editorial e a transparencia para garantir a credibilidade das noticias. Isto non significa prescindir da IA. De feito, Erin B. Logan, do Washington Post, di que o perigo xa non é a IA, senón evitala.
- O contido auténtico e orixinal medra en valor. Semella que as audiencias demandarán información de valor engadido feita por humanos, mentres que os produtos unicamente xerados por IA perderán importancia. Se se quere gañar a confianza pública, será fundamental ese contido “premium” humano baseado na investigación e a relación coa comunidade.
- Formatos adaptados ás persoas. As noticias evolucionarán cara a formatos máis flexibles e cognitivos, ofrecendo non só texto longo senón vídeo, son e interacción que se axusten mellor ao xeito no que as persoas procesan a información. Ademais, inclúese estruturar contidos para diferentes audiencias e dispositivos.
- Cambios estruturais e retos para o sector. As predicións sinalan que 2026 será un ano de presión económica e organizativa, algo que ameaza o futuro segundo o profesor Pablo Boczkowski: novos modelos de negocio, exploración de APIs, uso de arquivos como produtos, e a posible emerxencia de reporteiros locais baseados en modelos máis pequenos de IA. Samantha Ragland, do American Press Instituto, subliña un posible maior peso das redacción locais como maneira de conectar mellor coa comunidade.
Seguindo co anterior, o xornalismo como acto comunitario volve estar no centro do debate académico e profesional. Alén da tecnoloxía, moitas voces predín que a esencia do xornalismo mudará precisamente cara a un vínculo máis estreito coa comunidade. Cuestionase así o papel das grandes plataformas, pero está por ver ata que punto se desenvolve un novo tipo de relación con estas empresas de Big Tech.
A implicación do público pode artellarse mediante diferentes prácticas, nomeadamente a rendición de contas e a dispoñibilidade aberta dos datos. Isto supón repensar conceptos como a confianza.
Este é un resumo das principais tendencias. Todas as predicións, xunto cun buscador por nome e data, atópanse nesta ligazón: https://www.niemanlab.org/collection/predictions-2026