O acoso online consolidouse como un risco laboral para os xornalistas, segundo un informe do EFJ

Un xornalista atopa unha pintada na fachada da súa casa cunha ameaza de morte. Outra recibe mensaxes que lle adiantan que será “despezada”. Hai quen ve circular un vídeo manipulado co seu rostro, mentres outros descobren que a súa imaxe foi utilizada en anuncios fraudulentos ou en deepfakes pornográficos. A unha profesional compártenlle o número de teléfono nun grupo de Telegram con miles de membros para que descoñecidos a acosen. Un xornalista alemán ve como se difunden audios falsos que imitan a súa voz para desacreditar o seu traballo. En Romanía, os ataques mesmo se estenden a familiares, e nos Países Baixos un xornalista sofre un ataque físico tras ser exposto en redes. Todas estas experiencias, tan diversas e ao mesmo tempo tan alarmantes, forman parte dos casos reais recollidos no informe Ending the Silence on Online Harassment of Journalists da European Federation of Journalists (EFJ).

O informe mostra que a violencia dixital contra xornalistas é xa un fenómeno transversal en Europa, con formas que van desde insultos e ameazas ata campañas de descrédito, doxing, suplantación de identidade ou deepfakes cada vez máis convincentes. Un dato clave que destaca a EFJ é a normalización: moitos profesionais asumen que soportar este nivel de hostilidade é parte do traballo, mesmo que vai no seu soldo, o que explica que unha boa parte dos casos non se denuncien. Pero deixar de nomear o problema non o fai desaparecer, ao contrario, cronifícao.

Son as mulleres, persoas racializadas, xornalistas LGTBIQ+ e profesionais freelance os que sofren ataques máis frecuentes e máis violentos. O contido sexualizado, como a creación de deepfakes pornográficos ou as ameazas de violación, converteuse nunha das formas máis extremas de agresión, destinada a danar de maneira especialmente profunda a reputación e a saúde mental das vítimas. Estas experiencias teñen consecuencias directas: autocensura, abandono temporal das redes e, nalgúns casos, mesmo a renuncia á actividade xornalística.

O estudo destaca que boa parte do acoso online a xornalistas está alimentado por figuras públicas, responsables políticos e influencers que, ao sinalar directamente aos profesionais da información acosados, amplifican as campañas de odio. Esta dinámica erosiona a seguridade das persoas afectadas, debilita a confianza social no xornalismo e limita a capacidade dos medios para traballar con independencia. Ademais, a fronteira entre o dixital e o físico difumínase, xa que o acoso nas redes pode desembocar en agresións, vandalismo ou ameazas a familiares, xerando un clima de medo que afecta o benestar e a liberdade profesional dos xornalistas.

Aínda que existen iniciativas valiosas que loitan contra esta forma de acoso, como PersVeilig nos Países Baixos ou SafeJournalists nos Balcáns, seguen sendo excepcionais. A maioría das redaccións carecen de protocolos, as autoridades non dispoñen de formación específica e as plataformas tecnolóxicas responden de maneira lenta e pouco transparente. Por iso, o informe defende tratar o acoso online como un risco laboral, reforzar a seguridade dixital, incorporar medidas con perspectiva de xénero e esixir ás plataformas mecanismos de resposta eficaces. A violencia dixital contra xornalistas é unha ameaza directa á liberdade de prensa e, polo tanto, á saúde democrática das sociedades.

Podes ler o informe completo aquí.