Está satisfeita a cidadanía española co xornalismo que consume?

O foro Periodismo 2030 e a Fundación AXA publicaron un informe no que se recollen os resultados dunha sondaxe de opinión sobre o xornalismo en España. Esta sondaxe, executada por Metroscopia en decembro do 2022, baséase na realización de 5.000 entrevistas (telefónicas e online) a unha mostra representativa da poboación residente en España. As cuestións abordadas nas entrevistas inclúen a función social dos medios e a súa avaliación, os hábitos informativos da cidadanía, os muros de pago e a desintermediación e as redes sociais.

Os resultados apuntan a que a confianza da cidadanía española no xornalismo é máis forte na radio que no resto de medios. Os medios locais e de proximidade, pola súa banda, consolidan a súa relevancia, xa que o 51% das persoas entrevistadas considera que teñen un papel moi importante na súa contorna. Sobre o pago por contidos informativos, o 39% das persoas enquisadas está de acordo ou totalmente de acordo con que a información de calidade e fiable debe pagarse, mentres que o 36% se posición en contra desta necesidade de pagar. Así, só o 24% dos entrevistados está subscrito a un (15%) ou máis de un (9%) medio informativo.

En canto á opinión da cidadanía galega (n=286), destaca por ser a comunidade con maior interese na información política. Ademais, os galegos mostran uns niveis de credibilidade da cobertura informativa máis baixos dos medios públicos que nos privados. Mentres que os datos do conxunto de España apuntan que o 33% dos entrevistados confía máis nos medios públicos que nos privados, en Galicia esta porcentaxe baixa ata o 23%. O 28% dos galegos consideran que os medios privados merecen máis credibilidade, mentres que o 34% lles outorga niveis de credibilidade similares a medios públicos e privados.

O informe completo, así como os relativos a cada Comunidade Autónoma, están dispoñibles aquí.