Controversias arredor da decisión de Twitter de identificar os medios de comunicación públicos como «medios financiados polo Goberno»
Ao longo das últimas dúas semanas, a relación xa de por si complicada entre os medios de comunicación públicos e as redes sociais cobrou unha nova dimensión. Nesta ocasión, a controversia tivo lugar en Twitter, que comezou a etiquetar medios de comunicación públicos de todo o mundo (entre eles, tamén a RTVE) como ‘medios financiados polo Goberno’.
A polémica iniciouse no plano internacional cando a radio pública estadounidense, a NPR, foi etiquetada en Twitter como state-affiliated media’, é dicir, como medio afiliado ao estado. Esta categorización foi denunciada pola NPR, que como protesta decidiu deixar de publicar na súa conta de Twitter. O debate sobre as etiquetas asignadas pola rede social de Elon Musk aos medios de comunicación públicos foise estendendo rapidamente. En España, RTVE tamén se manifestou en contra da etiqueta de ‘medio financiado polo Estado’ e lle solicitou á rede social a súa retirada. Outros medios públicos, como a BBC británica, conseguiron que Twitter mudase a súa etiqueta de ‘medio financiado polo Goberno’ a ‘medio financiado publicamente’.
A Public Media Alliance (PMA), a asociación de medios de medios de comunicación de servizo público máis relevante a nivel mundial, alertou das implicacións negativas do uso desta etiqueta. Así, a PMA considera que definir un medio público con independencia editorial como ‘medio financiado polo Goberno’ ou como ‘afiliado ao Estado’ pode contribuír a erosionar a confianza da cidadanía nos medios públicos. Unha categorización baixo estes termos implica que o medio de comunicación rende contas ante o goberno e actúa en representación del, mentres que uns medios públicos realmente independentes débense ao servizo público para o conxunto da cidadanía.
A polémica parece terse pechado, polo menos temporalmente, agora que Twitter optou por retirar por completo estas etiquetas aos medios de comunicación públicos, pero o debate sobre cal é a maneira correcta de definir a este tipo de medios parece que vai permanecer.