«Immersive Journalism as Storytelling»: un libro necesario tras 10 anos experimentando co xornalismo inmersivo

Immersive Journalism as Storytelling

Recentemente publicouse en aberto o libro Immersive Journalism as Storytelling: Ethics, Production, and Design editado por Routledge. A obra recolle as principais perspectivas arredor do xornalismo inmersivo e pon sobre o papel os rasgos dunha primeira etapa desta modalidade narrativa, que abrangue o vídeo 360º, a realidade virtual e a realidade aumentada. No 2010, Nonny de la Peña e os seus colegas definían o xornalismo inmersivo no que se converteu no artigo de referencia na revista Presence. Agora publícase un libro que pon sobre o papel o estado actual do xornalismo inmersivo co obxectivo de converterse nun referente no campo de coñecemento.

O proxecto editorial foi coordinado por un grupo de investigadores de referencia na materia, que levan varios anos desenvolvendo esta liña e promovendo iniciativas arredor, fundamentalmente dende os países nórdicos: Turo Uskali (University of Jyväskylä, Finlandia), Astrid Gynnild (University of Bergen, Noruega), Sarah Jones (De Montfort University, Reino Unido) e Esa Sirkkunen (Tampere University, Finlandia).

O libro estrutúrase en catro partes nas que se analiza o xornalismo inmersivo dende diversas perspectivas. A primeira delas é a dimensión narrativa, onde se revisa a implantación actual das tecnoloxías inmersivas nos medios de comunicación. En segundo lugar, as cuestións éticas protagonizan varios capítulos en relación co impacto emocional e a empatía. A terceira sección recolle contribucións sobre a produción e o deseño dos proxectos inmersivos. Finalmente, o bloque de educación aborda o xornalismo inmersivo na formación e recolle as súas traxectorias de futuro.