De matrioskas e Hércules: primeiros avances na Estratexia Dixital Europea

Os servizos dixitais xogan un papel cada vez máis relevante tanto dentro das vidas da cidadanía da Unión Europea como da sustentabilidade do seu tecido empresarial. É por iso que un dos obxectivos actuais da Comisión Europea consiste na elaboración dun marco regulador harmonizado que garanta un espazo dixital aberto, seguro e asentado sobre os valores e principios europeos. Dentro da denominada Estratexia Dixital Europea, a Comisión presentou recentemente dúas iniciativas lexislativas clave: a Lei de Servizos Dixitais (Digital Services Act, DSA) e a Lei de Mercados Dixitais (Digital Markets Act, DMA).

O Observatorio Audiovisual Europeo vén de organizar un evento no que se presentaron as principais novidades que tanto a DSA como a DMA comportan para o audiovisual europeo. Na sesión participaron os expertos Mark Cole (University of Luxemburg), Joan Barata (Stanford Law School) e Martin Senftleben (IViR); como representantes dos principais grupos de interese involucrados (EBU, ACT, Google, o regulador irlandés BAI e a FERA).

Tanto a DSA como a DMA, publicadas en decembro do 2020, se atopan aínda nunha etapa inicial dentro do proceso lexislativo, polo que o evento organizado polo Observatorio Audiovisual Europeo serviu como unha primeira toma de contacto con estas dúas propostas, que aspiran a garantir que se respecten os dereitos fundamentais da cidadanía europea, ao mesmo tempo que se potencia a innovación e a competitividade do Espazo Dixital Europeo.

Neste sentido, a DSA foi comparada cun xogo de bonecas rusas, mentres que Hércules foi a figura escollida para ilustrar o papel da DMA. A DSA ten como obxectivos estender a protección da cidadanía aos espazos dixitais, proporcionar un marco para a rendición de contas e a transparencia das plataformas dixitais e fomentar a innovación. A comparación coas matrioskas débese a que a DSA establece distintas normas acumulativas para distintos tipos de plataformas, en función do seu tamaño, do seu papel e impacto no ecosistema: 1) servizos intermediarios (os que ofrecen servizos de infraestrutura, como o acceso a Internet), 2) servizos de aloxamento de datos ou hosting, 3) plataformas en liña (como as app stores ou as redes sociais) e 4) plataformas en liña de moi grande tamaño (Very Large Online Platforms, VLOP).

Por outra banda, a relación entre a DMA e Hércules deriva do obxecto que este texto pretender regular: as plataformas que actúan como gatekeepers ou gardiáns do acceso. A DMA aspira a regular este tipo específico de plataformas para evitar que se leven a cabo prácticas abusivas e, por exemplo, permitirlle a aquelas empresas que usen os seus servicios (como podería ser un medio de comunicación) acceder de forma máis transparente ao funcionamento dos algoritmos da plataforma e aos datos que a súa actividade xera nela.

Os textos completos da DSA e da DMA poden consultarse nos seguintes enlaces: – DSA: https://eur-lex.europa.eu/legal-content/ES/TXT/HTML/?  uri=CELEX:52020PC0825&from=en – DMA: https://eur-lex.europa.eu/legal-content/ES/TXT/HTML/?uri=CELEX:52020PC0842&from=en

 

Marta Rodríguez Castro