O Reuters Institute publica as súas predicións para o ano 2021 no eido xornalístico
Hoxe publicouse o informe anual Journalism, Media, and Technology Trends and Predictions 2021 de Nic Newman, investigador do Reuters Institute for the Study of Journalism (University of Oxford), que anuncia cambios a curto prazo a causa da pandemia. A transformación afectará ao xeito en que nos relacionamos, á convivencia do real e o virtual e aos modelos de negocio –especialmente naquelas empresas que manteñen as principais vías de ingreso vencelladas ao impreso e á publicidade dixital–. Un dos desafíos tecnolóxicos que sinalan dende un primeiro momento relaciónase coa aplicación da intelixencia artificial, unha vez que esta abandone os laboratorios para chegar ao cotiá.
Entre as tendencias dos editores consultados e do propio equipo de investigación destacan:
- Aceleramento da transición dixital.
- Xestión estratéxica das subscricións dixitais e diversificación de ingresos.
- Preocupación pola desinformación, os ataques a xornalistas e a sostibilidade financeira de medios pequenos e locais.
- A imparcialidade vólvese crucial pola crecente polarización política e social, aínda que hai aspectos nos que non será posible manterse neutral.
- Entre os mellores camiños para innovar: insights da audiencia e dos datos, equipos multidisciplinares e aprendizaxe doutras empresas.
O informe incorpora tamén un capítulo sobre o impacto da pandemia no sector xornalístico, analizando aspectos de negocio, contidos e innovación.
Acceso ao informe completo: https://reutersinstitute.politics.ox.ac.uk/journalism-media-and-technology-trends-and-predictions-2021