EBU 2025: a brecha xeracional no sofá televisivo

A Unión Europea de Radiodifusión vén de presentar o seu informe Audience Trends: Television 2025, que revela como o consumo televisivo en 44 mercados europeos continúa a transformarse. Ademais de constatar unha lixeira redución no tempo diario medio, que se sitúa agora en 3 h 13 m (o valor máis baixo de 2019–2024 e só tres minutos menos que en 2023) , chama a atención o comportamento dos mozos de 15 a 24 anos, cuxo visionado medio cae ata 1 h 13 m, aínda que este ano este segmento experimenta un leve repunte de un minuto tras catro anos en descenso continuado.

Mentres o alcance semanal xeral alcanza un 79,2 % da poboación (−6,3 puntos en cinco anos), só o 54,0 % dos mozos accedeu á televisión nunha semana tipo, situándose 12,7 puntos por baixo dos datos de 2019. O informe destaca ademais o crecemento do visionado diferido, que supón o 13 % do tempo total para o conxunto da poboación e o 16 % no caso da xuventude, cunha ducia de mercados onde máis do 20 % do consumo faise en replay (e quince no segmento de 15–24 anos) .

Tamén sobresaen os medios de servizo público (PSM), que manteñen un alcance semanal de media do 53,8 % entre todos os públicos e do 25,5 % na franxa de 15 a 24 anos, case sen variación respecto a 2023. Así mesmo, acadan unha cota diaria de mercado do 23,4 % en xeral e do 18,4 % en xuventude, cun crecemento de 2,5 puntos nesta última en cinco anos. En metade dos mercados europeos, a canle principal dos medios de servizo público segue sendo a máis vista, e en oito de cada dez está entre os cinco primeiros.

Por último, o informe pon de manifesto unha brecha xeracional crecente: mentres os menores de 35 anos continúan reducindo de forma notable o seu consumo televisivo, logo de décadas de desinflado progresivo, os maiores de 60 anos manteñen niveis elevados que case non varían desde 2019 .

Poden consultarse todos os detalles metodolóxicos e estatísticos no informe completo da EBU así como na infografía interactiva.