O II Simposio de Xestión da Comunicación, o 15 e 16 de setembro en Quito (Ecuador)

Ata o 15 de maio está aberto o prazo para o envío de propostas de comunicación científicas para participar no II Simposio Internacional de Investigación da Xestión da Comunicación, que organizan a Rede XESCOM e a Universidade Técnica Particular de Loja os días 15 e 16 de setembro na cidade de Quito, en Ecuador. Este segundo simposio é continuidade do organizado o ano pasado na cidade de Pontevedra pola  Rede Internacional de Investigación de Xestión da Comunicación, na que participa o grupo de Novos Medios e outros catro máis das Universidades de Santiago, Vigo e Coruña.

A temática central do simposio deste ano é sobre a xestión dos medios e da comunicación das organizacións nas novas redes sociais dixitais de valor. Arredor desa temática convócanse tres foros de discusión e de envío de comunicacións científicas sobre Medios tradicionais e metamedios dixitais, Comunicación organizacional e Responsabilidade Social Corporativa e Xestión Empresarial. Todas as comunicacións aceptadas serán publicadas con ISBN en formato dixital e posteriormente nun libro (non de actas) nunha editorial internacional.  Para máis información pódese acceder á web do simposio: https://xescom2016.wordpress.com.