As TIC e as universidades españolas

A Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) presentou hoxe o informe “As TIC no Sistema Universitario Español (2006): Unha Análise Estratéxica”. Nel establécese a situación das TIC nas universidades españolas e propóñense proxectos de impulso.

A pesar de encontrarse a un bo nivel, neste informe proponse incrementar a difusión dos resultados de investigación a través da Web (o 93% faino actualmente) e as aplicacións de xestión da investigación (actualmente dispoñen delas o 91% das universidades)
No informe tamén se recomenda incrementar a formación en TIC de toda a comunidade universitaria.

O grao de informatización dos distintos servizos universitarios (xestión) é variable. Fronte a porcentaxes de case o 100% de penetración de aplicacións (consulta de notas a través da Web, automatrícula Web ou consultas a bibliotecas) hai servizos de escasa implantación como os relacionados coas compras electrónicas ou a sinatura dixital que non superan o 25% de implantación. Destes datos despréndese que se debe incrementar a informatización de todos os servizos universitarios (atópase ao 60%), así como os elementos de administración electrónica (actualmente atópase ao 40% do seu posible implantación).
En relación ao soporte, destácase que o 9% dos ordenadores universitarios dispoñen dun sistema operativo “libre” e que o 30% dos produtos informáticos utilizados nas universidades españolas son de software libre.
O orzamento destinado no 2005 ás TIC nas Universidades supón un 3,2% do total, cunha media de 201 € por alumno e ano. Os autores apuntan a que sería necesario incrementar devandito orzamento para posibilitar as accións de mellora propostas no informe. Polo de agora, este informe non está dispoñible en internet.

O Consorcio Audiovisual de Galicia convoca un obradoiro de curtas

Nacho Vigalondo e Borja Cobeaga serán os encargados de impartir o curso, que se celebrará do 7 ata o 11 de maio.

“Como se fai unha curtametraxe” é o título do obradoiro que o Consorcio Audiovisual de Galicia organiza do 7 ao 11 de maio na Sala Audiovisual do Centro Multimedia de Galicia en Santiago de Compostela. Os encargados de impartir o curso serán Nacho Vigalondo e Borja Cobeaga, candidatos ao Oscar á mellor curtametraxe nos anos 2004 e 2006, respectivamente.

O obradoiro, que se estrutura en sesións de tarde, ten un carácter teórico-práctico e repasará tódolas etapas da elaboración dunha curtametraxe, dende a idea orixinal ata a realización e difusión, pasando pola montaxe ou o son. Dentro das sesións do curso, está previsto o visionado (con entrada libre) de 4 curtas de Vigalondo e Cobeaga. A proxección terá lugar o día 10 no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación.

O Consorcio Audiovisual de Galicia organzia este obradoiro dirixido a aqueles profesionais (directores, actores, guionistas ou técnicos) que xa participaran nalgunha obra audiovisual e se atopen en fase de desenvolvemento dun novo proxecto.
A data límite para o envío de solicitudes é o 25 de abril. Todos aqueles que queirades máis información ou acceder ás condicións e formularios de inscrición, poderedes atopalos na páxina do Consorcio.

Cartografías do Hipertexto de Ficción

Vilariño Picos, Mª Teresa e Anxo Abuín González (comps.): Teoría del hipertexto. La literatura en la era electrónica, Madrid, Arco/Libros, 2006, 316.

Hiperficción, hipernovela, hiperrelato, ficción hipermedia, ficción interactiva, cibertexto e, seguramente, algún que outro termo ou expresión para tentar definir a experiencia literaria de creación que describen e nos sumerxen, cunhas ferramentas e uns formatos específicos, na idiosincrasia da era dixital. O hipertexto e o ciberespazo convírtense nun entorno no que se produce unha rutinaria guerra cultural entre a tradición impresa e a xestación dunha estructura de narración tecnolóxicamente diferente. O obxectivo estaría en asentar as claves identificativas dunha literatura ergódica, en palabras de Espen Aarseth, que se plasmaría a través de técnicas de saltos, fragmentacións, diversidade de puntos de vista, multiplicidade de asuntos, bifurcacións, cambios de escenarios, laberintos, simulacións, combinacións, modelos aleatorios, rupturas temporais, lineais, secuenciais, conexións e enlaces. Todo un conglomerado de palabras que se misturan para asentar unha morfoloxía da ou das narrativa/s hipertextual/is. Albíscanse novos xéneros ou modalidades expresivas, con espazos de creación e de lectura distintos, con outros modelos de textualidade ou, en todo caso, reflexa un sinxelo proceso hermenéutico do modo de producción e consumo que nos resulta familiar. O obxectivo é a implementación de formas discursivas que se actualicen, axeitándose a un sistema de caos ou desorde.

Ler máisCartografías do Hipertexto de Ficción

Crisis in Darfur: xornalismo en capas xeográficas

darfur.jpg
Captura de pantalla de Google Earth

O outro día, na materia Creación de Produtos na Rede, estivemos vendo un dos últimos lanzamentos de Google Earth. En colaboración co United States Holocaust Memorial Museum, Google creou unha capa KML titulada Crisis in Darfur que se pode superpoñer sobre Google Earth e amosar as dimensións do xenocidio que se está practicando en Darfur, no Sudán. O xenocidio, negado oficialmente polo Goberno sudanés, amósase con rudeza nas imaxes de satélite en alta resolución de Google Earth, publicadas na plataforma especialmente para a ocasión. Os editores empregaron estas fotografías de alta resolución para establecer cálculo de danos sobre os bens.

darfur.jpg
Representación infográfica de poboados destruídos ou danados durante o xenocidio sobre Google Earth

Ao mesmo tempo, a capa de Darfur incorpora testemuñas, datos de comprensión, ubicación de campamentos de refuxiados e unha selección de información multimedia. As opinións da comunidade de usuarios de Google Earth tamén se superpón sobre a capa, trasladando a conversa directamente ao terreo. ¿É isto xornalismo?¿Pode selo? Sen dúbida, na miña opinión. Unha forma innovadora de avanzar na construción de relatos hipermedia, trasladando a narración dos feitos ao lugar da acción, sen perder determinadas técnicas xornalísticas, como o enfoque, a selección e a tematización. Un híbrido entre infográfico, reconstrución virtual e crónica. Sen dúbida, un dos novos formatos máis interesantes do 2007.

Manuel Gago

Comunicação e Cidadania. V Congresso da SOPCOM

O prazo para a presentación de comunicacións remata o 30 de abril.

A Associação Portuguesa de Ciências da Comunicação (SOPCOM) organiza o Congresso “Comunicação e Cidadania” na Universidade do Minho, en Braga (Portugal), que se celebrará do día 6 ao día 8 de setembro. O evento dá continuidade aos celebrados en anos anteriores en Lisboa, Covilhã e Aveiro e pretende afondar nas relacións de converxencia e retroalimentación entre comunicación e cidadanía.

A SOPCOM marcou como data límite para a presentación de comunicacións o 30 de abril, mentres que os que desexen asistir ao congreso poderán apuntarse ata o día 30 de xuño. Máis información e envío de comunicacións ou inscricións na páxina da Associação Portuguesa de Ciências da Comunicação.

Reunión científica da SEP en Pamplona

O encontro terá lugar os días 20 e 21 deste mes de abril na Facultade de Comunicación da Universidade de Navarra.

A Sociedade Española de Periodística organiza unha nova reunión científica baixo o título “La Periodística como disciplina universitaria: balance y perspectivas“. O obxectivo do encontro é debater a periodística dende diversas perspectivas e puntos de vista, así coma a relación desta cos novos e vellos medios, coa docencia ou coa cuestión dos xéneros xornalísticos.

A reunión estruturarase en torno a sesións plenarias e mesas de comunicación nas que participarán, entre outros, Alfonso Nieto, José Luís Martínez Albertos, Josep María Casasús, Mª Pilar Diezhandino, Javier Díaz Noci, Francisco Esteve, Juan Cantavella e Arturo Merayo.

O prazo de inscrición está aberto ata o luns 16. Máis información, aquí.

Curso de Formación Continua: Comunicación de Crise

Do 4 de Maio ó 29 de Xuño na Universidade de Santiago de Compostela

A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC abre a convocatoria para a terceira edición do Curso de Formación Continua: Comunicación de Crise. Dirixido a profesionais da comunicación o obradoiro ten como obxectivo aportarlles aos participantes os coñecementos e as ferramentas para planificar un protocolo de actuación durante unha situación de crise, tanto dende o punto de vista da comunicación interna, como externa.

O Grupo de Investigación Novos Medios, baixo a dirección de Miguel Túñez e a coordinación de Carmen Costa, organiza este programa formativo que inclúe módulos prácticos e teórico-prácticos. Entre os convidados para impartir os diferentes módulos destaca a asistencia de: Montse Quesada, catedrática da Universidade Pompeu Fabra; José Antonio Gómez Municio, Asesor da Presidencia do Goberno Español; Rosario de Mateo Pérez, Catedrática da Universidade Autónoma de Barcelona e Miguel Anxo García Álvarez, Psicólogo do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Este curso será impartido todos os venres entre o 4 de maio e o 29 de xuño en horario de 16:00 a 21:00 horas. O prazo de preinscripción remata o vindeiro 18 de abril. Os interesados poden facer a súa solicitude a través dos seguintes contactos:

Carmen Costa: ccosta@usc.es

Miguel Túñez: mtunez@usc.es

Teléfono de contacto: 98156 31 00 Extensión: 16532

Avance e converxencia da Sociedade da Información en América Latina

O informe Iberoamérica ante a Sociedade da Información, auspiciado polo Departamento de Análise e Prospectiva da Fundación France Telecom España, supón unha primeira aproximación ao grao de progreso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación en Iberoamérica. O obxectivo primixenio e cardinal desta análise monográfica é o de reflectir a situación actual dos principais indicadores que definen o avance do desenvolvemento da Sociedade da Información en cinco países da rexión: Arxentina, Brasil, Chile, Colombia e México-.

Aínda que os gobernos destas nacións están a traballar para dar solución aos tres grandes desafíos que han de acometer nos albores do século XXI: paliar a Fenda dixital, desenvolver a Administración electrónica e conseguir unha industria do software competitiva a nivel internacional, o certo é que os indicadores que definen a SI reflicten que a converxencia cos países máis avanzados aínda está lonxe.

Ler máisAvance e converxencia da Sociedade da Información en América Latina

A iniciación no contorno dixital

ARQUÉS i SALVADOR, Neus: Aprender comunicación digital, Barcelona, Paidós, 2006.

Sobre comunicación dixital e Internet hai unha enorme cantidade de libros. Hai unha escalofriante cifra de sitios e outros espazos na World Wide Web. Hai un incontable número de artigos e informes. As tecnoloxías da información e comunicación forman parte dunha incontable profusión de páxinas, tanto impresas como virtuais. Toda esa inconmensurable documentación estará adscrita a diferentes categorías ou clases, de acordo cos sistemas de avaliación dos contidos. Existen textos para analfabetos dixitais, para iniciados, para expertos de nivel medio, para especialistas e experimentados usuarios. E, a pesar da rápida evolución do ciberespazo e o vertixinoso proceso de conexión cidadán á rede de redes, sempre, aló menos polo de agora, haberá persoas que tenten explorar por primeira vez os vericuetos do entorno das redes. Polo que sempre é de agradecer que algún autor ou autora busque formas de achegar os riscos desa sociedade en rede, de acordo co sociólogo Manuel Castells, aos neófitos. Non está nada mal depurar e sintetizar o discurso de tal xeito que se navegue pola esencia de servicios e recursos que hai a disposición do usuario a través de Internet.

Ler máisA iniciación no contorno dixital

Achegas para un novo modelo de televisión pública

Radio y televisión en España. Historia de una asignatura pendiente de la democracia
Enrique Bustamante
Gedisa, 2006. 285 páxinas

A celebración no ano 2006 do cincuenta aniversario da chegada da televisión a España animou a elaboración de varios estudos e a publicación de libros nos que se analiza a traxectoria da televisión no Estado, desde a súa aparición en tempos da ditadura ata o momento actual, no que hai un intenso debate para buscar outro modelo máis acorde cos tempos. Moitos deses libros só recollen anécdotas, relatorios dos programas que fixeron historia e entrevistas cos seus protagonistas. Outros, os menos, analizan as estratexias da televisión nas súas distintas etapas, con referencias ao seu contexto histórico.

Ler máisAchegas para un novo modelo de televisión pública