Experiencia Índigo, un interesantísimo experimento de xornalismo multimedia ‘offline’

indigo_1.jpg

indigo_2.jpg
Portadas das publicacións da aplicación offline de Índigo.

Reporte Índigo -e o seu suplemento Piensa Índigo-, son as dúas cabeceira da Experiencia Índigo. Unha curiosísima proposta mexicana de xornalismo multimedia distribuído a través de Internet, pero dispoñible en paquetes de aplicación. É dicir, descargas ao teu ordenador número a número (13 megas), e cárgase un proxector de Flash que presenta unha revista cun uso extensivo do multimedia. Índigo simula unha publicación en papel, pero engadíndolle unha navegación por índice, numerosas ‘metáforas’ na interface e un uso extensivo do vídeo, dos recursos de audio e de interacción do usuario coa superficie interactiva. Audio en planos diferentes, un deseño do texto moi preparado para a lectura en pantalla son algúns dos exemplos desta curiosa publicación que combina análise política, estilos de vida, medio ambiente, deseño… Para poder baixarse os números da revista hai que rexistrarse (gratuitamente). Seguirémola moi de preto.

Vía Jornalismo & Internet

V Convención de Periodistas de España

Lugo acolle dende mañá venres a V Convención de Periodistas de España.

A reunión, convocada polo Foro de Organizacións de Xornalistas, desenvolverase baixo o título “Vellos e novos medios: a mediación necesaria do xornalista” e tratará a necesidade da profesionalidade e mediación do periodista no exercicio do xornalismo. Esta convención, que se celebrará por primeira vez en Galicia, contará coa participación de 200 profesionais do sector que debatirán sobre cuestións coma o xornalismo en relación coa publicidade e a propaganda ou o xornalismo cidadán .

As sesións celebraranse no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo dende mañá venres ata o domingo. Para máis información, fai click aquí.

Congreso Europeo Xuvenil dos Medios de Comunicación

Do 27 ao 30 de xuño de 2007

Catrocentos mozos de toda Europa terán a oportunidade de participar no “Congreso Europeo Xuvenil dos Medios de Comunicación” que se celebrará con motivo do 50 aniversario do Tratado de Roma.
Os afortunados compartirán diálogos e obradoiros con políticos, expertos e xornalistas.
A organización considera que os mozos teñen a capacidade de desenvolver e aportar as súas propias visións sobre Europa e facer fronte os retos cos seus propios proxectos e aportacións.
Os interesados en participar deberán facer a súa solicitude de admisión axuntando un pequeno artigo ou reportaxe de radio ou televisión, sobre algunha das cuestións tratadas nos “European Youth Media Days”.

Para máis información: www.youthmediadays.eu

Teresa de la Hera

O Eyetrack 07 confirma a inversión dos tempos de lectura en pantalla e en papel

Desde o importante estudo de Jakob Nielsen, existía a realidade, máis ou menos aceptada, de que a lectura en pantalla era máis lenta e dificultosa que no papel. O profesor Ignacio Armentia, a finais dos 90, realizou unha experiencia similar con alumnos da Universidade do País Basco, atopando resultados que confirmaban a lentitude da lectura en pantalla pero con índices máis baixos e próximos entre si que os atopados por Nielsen. O novo estudo Eyetrack, promovido polo Poynter Institute, confirma un fenómeno que xa se advertía coa popularización das pantallas TFT, a súa extensión, e a mellora tecnolóxica na representación das tipografías nos sistemas operativos Windows e MacOs. A principal clave é que a xente le máis na web. Os lectores len un porcentaxe máis grande do texto dunha noticia na web (77%), que no papel. Hai dúas pautas de lectura, métodica ou de escáner. No papel, un 75% dos usuarios son metódicos, e na web a porcentaxe baixa a un 50%. Pero tanto os que seguen unha pauta como a outra, len a mesma cantidade de texto.

Ademais, aínda que a diferencia do estudo do ano anterior, o Eyetrack contén moi poucos datos públicos de acceos gratuíto, advírtense outras interesantes consecuencias:
-Os formatos alternativos de representación da información axudan aos lectores a entender . Formatos como a entrevista, as listas, axudan a incrementar a atención do usuario ata un 15%.
-En prensa, as grandes fotos e titulares atraen a atención no usuario. Pero, curiosamente, na web, funcionan como principais condutores da atención elementos direccionais como barras de navegación, columnas de titulares, ladiños.
-As fotos que funcionan en prensa son aquelas “documentais”, nas que o protagonista realiza accións, en comparación cos posados ou as fotos de estudo.

Ver texto, vídeo e un documento coas principais conclusións.

Manuel Gago.

Curso de contidos interactivos para DVB: MHP

Hoxe abriuse o prazo de inscrición do Curso de contidos interactivos para DVB: MHP, organizado polo Centro Multimedia de Galicia. Este curso, de caracter gratuíto, desenvolverase entre o vindeiro 30 de maio e o 21 de xuño do presente ano, contando cunha duración total de 42 horas. Impartido desde a sé central do Centro Multimedia de Galicia, sita en Santiago de Compostela, poderá seguirse por videoconferencia a través da rede de Telecentros de Comunicación auspiciada pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual en dúas sesións horarias

Ler máisCurso de contidos interactivos para DVB: MHP

Populrs.com: Galería de contidos

Tanto para os xornalistas como para calquer usuario que bote man con asiduidade dos contidos que diariamente os cibernautas suben á web, tanto os agregadores de rss como os contedores e arquivadores de materias tórnanse fundamentais. Youtube, Flickr, Del.icio.us…son só unha pequena mostra das webs que almacenan cantidade de material útil para os usuarios. Populrs.com é só un intento máis de organizar dun xeito útil todos eses contidos que segundo a segundo van nutrindo a inxente biblioteca virtual da rede. Algunhas das súas ventaxas son as seguintes:

– Presenta unha selección das páxinas de contidos máis populares da rede

– Proporciona para cada unha de esas páxinas un listado actualizado dos contidos mellor valorados polos usuarios

– Permite aos usuarios personalizar a páxina de inicio segundo ás súas necesidades

– Ademais inclúe unha selección dos principais titulares de páxinas como Google News

– Con unha única visita, centos de contidos quedan ao alcance do usuario

Teresa de la Hera

Cultura Científica e Cultura Cidadá

O CSIC e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) organizan o IV Congreso sobre Comunicación Social da Ciencia, que terá lugar os días 21, 22 e 23 de Novembro no Campus do CSIC en Madrid. O obxectivo do Congreso é o de afondar na necesidade dunha cultura científica como parte da nosa cultura democrática, polo que pretende converterse nun foro de reflexión e debate sobre os novos métodos e instrumentos para promover o acceso dos cidadáns ó coñecemento científico.

Podedes acceder a máis información sobre prazos, temáticas e inscrición na páxina web de CSCiencia2007.

Xornalismo Económico: Vellos e novos desafíos

A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Navarra organiza os días 15 e 16 de Novembro de 2007 a XXII Edición do Congreso Internacional de Comunicación, que leva por título ‘Periodismo económico: Vellos e novos desafíos’. O Congreso centrarase nas luces e sombras do xornalismo económico, e nos desafíos que ten ante si esta especialización profesional.

As comunicacións, que poden enviarse até o 11 de Xuño, poderán adscribirse ós seguintes grupos de traballo: Desafíos profesionais do periodista económico; Evolución histórica do xornalismo económico; Retos empresariais e tecnolóxicos dos medios económicos; Peculiaridades da difusión de información económica; A formación dos profesionais do xornalismo económico; Efectos da información económica e A xestión das fontes no xornalismo económico.

A información económica gaña cada vez un maior protagonismo nos medios xeralistas, pois os cidadáns participan e interésanse cada vez máis polos movementos empresariais, os datos da macro e microeconomía ou os acordos entre os gobernos e as entidades financeiras. Por outra banda, tamén asistimos a certo boom das publicacións especializadas nesta materia.

Para aqueles que estean interesados, a información está xa dispoñíble na páxina web do Congreso.

As TIC e as universidades españolas

A Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) presentou hoxe o informe “As TIC no Sistema Universitario Español (2006): Unha Análise Estratéxica”. Nel establécese a situación das TIC nas universidades españolas e propóñense proxectos de impulso.

A pesar de encontrarse a un bo nivel, neste informe proponse incrementar a difusión dos resultados de investigación a través da Web (o 93% faino actualmente) e as aplicacións de xestión da investigación (actualmente dispoñen delas o 91% das universidades)
No informe tamén se recomenda incrementar a formación en TIC de toda a comunidade universitaria.

O grao de informatización dos distintos servizos universitarios (xestión) é variable. Fronte a porcentaxes de case o 100% de penetración de aplicacións (consulta de notas a través da Web, automatrícula Web ou consultas a bibliotecas) hai servizos de escasa implantación como os relacionados coas compras electrónicas ou a sinatura dixital que non superan o 25% de implantación. Destes datos despréndese que se debe incrementar a informatización de todos os servizos universitarios (atópase ao 60%), así como os elementos de administración electrónica (actualmente atópase ao 40% do seu posible implantación).
En relación ao soporte, destácase que o 9% dos ordenadores universitarios dispoñen dun sistema operativo “libre” e que o 30% dos produtos informáticos utilizados nas universidades españolas son de software libre.
O orzamento destinado no 2005 ás TIC nas Universidades supón un 3,2% do total, cunha media de 201 € por alumno e ano. Os autores apuntan a que sería necesario incrementar devandito orzamento para posibilitar as accións de mellora propostas no informe. Polo de agora, este informe non está dispoñible en internet.

O Consorcio Audiovisual de Galicia convoca un obradoiro de curtas

Nacho Vigalondo e Borja Cobeaga serán os encargados de impartir o curso, que se celebrará do 7 ata o 11 de maio.

“Como se fai unha curtametraxe” é o título do obradoiro que o Consorcio Audiovisual de Galicia organiza do 7 ao 11 de maio na Sala Audiovisual do Centro Multimedia de Galicia en Santiago de Compostela. Os encargados de impartir o curso serán Nacho Vigalondo e Borja Cobeaga, candidatos ao Oscar á mellor curtametraxe nos anos 2004 e 2006, respectivamente.

O obradoiro, que se estrutura en sesións de tarde, ten un carácter teórico-práctico e repasará tódolas etapas da elaboración dunha curtametraxe, dende a idea orixinal ata a realización e difusión, pasando pola montaxe ou o son. Dentro das sesións do curso, está previsto o visionado (con entrada libre) de 4 curtas de Vigalondo e Cobeaga. A proxección terá lugar o día 10 no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación.

O Consorcio Audiovisual de Galicia organzia este obradoiro dirixido a aqueles profesionais (directores, actores, guionistas ou técnicos) que xa participaran nalgunha obra audiovisual e se atopen en fase de desenvolvemento dun novo proxecto.
A data límite para o envío de solicitudes é o 25 de abril. Todos aqueles que queirades máis información ou acceder ás condicións e formularios de inscrición, poderedes atopalos na páxina do Consorcio.