Un catálogo de innovación para cibermedios digitales

South China Morning Post, unha infografía de museo

Falar de visualización da información no xornalismo é falar dun campo en constante evolución. As evolucións tecnolóxicas condicionaron este xeito de trasladar as novas dende a súa orixe, inicialmente a través dos avances en materia de impresión e, máis tarde, grazas á integración dun alto número de capacidades como o movemento, a interactividade ou a hipertextualidade.

Neste contexto son moitas as cabeceiras xornalísticas que buscan o seu oco nun escenario de constante competición, pelexando por amosar un estilo propio e diferenciado que resulte atractivo, mais sen deixar de lado o obxectivo fundamental de trasladarlle á audiencia aquelas historias que poidan resultar de interese. Un claro exemplo é o South China Morning Post, un diario con case 120 anos de historia que atopou na infografía un bo xeito de proxectarse dende Hong Kong cara ao mundo

O estilo do SCMP é, como reza o título deste texto, digno e merecedor de perdurar máis alá da data de caducidade que moitas veces se lle supón aos contidos xornalísticos. Se ben o contexto actual é o do xornalismo de datos e o da aposta por gráficos que recolle un grande volume de cifras en diversos formatos —podendo ser tanto estáticos como interactivos—, o ‘Post’ bota man da ilustración en moitos dos seus proxectos, empregando así a infografía como vehículo para a explicación e a transmisión de informacións complexas e explotando todo o seu potencial visual.

Texto 1- SCMP

Un exemplo claro pode ser o traballo contido na imaxe anterior, publicado en xuño de 2022 e que foi galardoado cunha medalla de ouro na 44ª edición dos premios da Society for News Design, compartindo espazo con outros proxectos de cabeceiras de prestixio como The New York Times, The Washington Post, ESPN, Reuters ou ProPublica, entre outros. Este “Bamboo scaffolding in Hong Kong” traslada ao público á construción de andamios ao xeito tradicional na rexión. Porén, aínda que a tentación —e a abordaxe máis sinxela— en casos coma estes sería a de empregar a imaxe natural, o equipo visual conformado por Marcelo Duhalde, Victor Sanjinez e Dennis Wong aposta pola ilustración como vía para salientar aquelas partes do contido que son de maior interese para a audiencia.

 

Este é tan só un exemplo do xiro que algunhas publicacións están a dar cara a unha infografía cunha alta carga de datos e de información, aínda que non sempre cunha alta carga de gráficos no seu sentido máis tradicional. No caso concreto do South China Morning Post a aposta do equipo @SCMPgraphics leva a que mesmo aqueles temas máis locais poidan romper calquera posible fronteira xeográfica e converterse en historias de relevancia para a audiencia de todo o mundo.