Un catálogo de innovación para cibermedios digitales

Journalism publica unha investigación de Novos Medios sobre cocreación en medios nativos dixitais

Tres integrantes do Grupo Novos Medios, José Sixto-García, Ana Isabel Rodríguez-Vázquez e Xosé Soengas-Pérez, veñen de publicar na revista Journalism unha investigación que leva por título ‘Co-creation in North American and European digital native media: Web, social networks and offline spaces’. O traballo xa está dispoñible en online first e proximamente aparecerá nun número da revista.

O artigo recolle unha análise comparativa entre Estados Unidos e Europa acerca das prácticas de cocreación que posibilitan os medios nativos dixitais nos tres escenarios en que é viable cocrear: na web, nas redes sociais e nos espazos offline. Os investigadores descubriron que os diferentes modelos de cocreación non están vinculados ás áreas xeográficas, senón ás particularidades de cada medio. Os niveis de empoderamento cidadán dependen das diferentes políticas editoriais e nada teñen que ver cos espazos xeográficos, aínda que si cos distintos espazos online e offline vinculados á marca. Así, mentres que se constata a tendencia xeneralizada de habilitar espazos abertos ao público nas webs corporativas, o ofrecemento diminúe nas redes sociais e nas contornas offline.

As conclusións do estudo sinalan que as iniciativas de cocreación no eido xornalístico resultan aínda un xermolo que precisa aproveitar máis o coñecemento colectivo, a innovación e a economía de plataformas -como sucede noutros sectores produtivos- para non desperdiciar a oportunidade de creación de valor que supón a implicación das audiencias nos procesos de desenvolvemento, produción e márketing dos produtos informativos. No entanto, os investigadores tamén recalcan a relevancia e a necesidade da curación de contidos, pois só os profesionais están capacitados para estableceren mecanismos de control que garantan o dereito da cidadanía a seguir recibindo información contrastada e, sobre todo, veraz.