Congreso internacional sobre comunicación

As relacións entre comunicación, cultura e esferas de poder centrarán tres días de debates no XIII Congreso Internacional Ibercom que se celebrará na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago a partir do día 29 de maio coa participación de case setecentos investigadores, a maioría de países iberoamericanos. Este evento, que suscitou un grande interese como indican as máis de oitocentas propostas de comunicación recibidas, está promovido pola Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras en Comunicación (Agacom) e organizado por unha comisión que, baixo a presidencia da catedrática Margarita Ledo, está integrada por profesores das tres universidades galegas. Algúns dos máis reputados investigadores do mundo no campo da Comunicación xa confirmaron a súa presenza en Compostela para intervir nas múltiples actividades organizadas.

Unha conferencia da colombiana Clemencia Rodríguez, profesora da Universidad de Oklahoma (USA) e autora de Fissures in the Mediascape. An International Study of Citizens Media, abrirá as sesións académicas cunha reflexión xeral na que situará as relacións entre comunicación e poder na era dixital, con especial atención á comunicación alternativa. Clemencia Rodríguez, quen leva traballando dende comenzos dos anos oitenta en experiencias de comunicación alternativa e é cofundadora de OurMedia / Nuestros medios, unha rede global de estudosos e activistas da comunicación alternativa, comunitaria e cidadá, pensada para a partilla de ferramentas e de coñecemento, analizará os desafíos para conseguir un modelo de comunicación mundial pensada ao servizo dos cidadáns.

Tres sesións plenarias proseguirán os debates  para tentar poñer sobre a mesa os principais retos que ten a comunicación no momento presente. A primeira, coordinada polo catedrático da Universidade Complutense Enrique Bustamante, xirará arredor da comunicación, o servizo público e as esferas de poder. Nos debates intervirán Vera França, da Universidade Federal de Minas Gerais;  Paquete de Oliverira, do ISTCTE de Portugal, e Raúl Trejo, a UNAM, de México. A segunda sesión, coordinada polo catedrático da Universidade do Minho Moisés de Lemos Martins, tratará a comunicación, os procesos de cidadanía e esferas de poder. Na sesión está prevista a intervención de Miquel de Moragas, presidente da AE-IC; Guillermo Orozco, de México, e Muniz Sodré, de Brasil. A terceira sesión, sobre a produción cultural en versión orixinal no cinema, xornalismo e televisión, estará coordinada por María Immacolata Vassallo, e contará con Marcos Palacios, Carlos Scolari, Patxi Azpillaga e Antía López.

A conferencia de clausura está concibida como unha homenaxe ao cineasta, investigador e coordinador do Observatorio do Cinema e do Audiovisual Latinoamericano-FNCL, e consistirá nunha conferencia do profesor da Universidade Nacional de La Plata, en Arxentina, Roque González, sobre Políticas públicas e cines nacionais. Nesta homenaxe tamén intervirá Alfonso Gumucio-Dragon, asesor da Unesco, investigasor e fotógrafo, quen proxectará a derradeira entrevista con Octavio Getino.

O congreso tamén inclúe oito divisións temáticas, que abranxen políticas, estruturas, comunicación organizacional, teoría e métodos, educomunicación, discursos, cine e audiovisual, e historia, nas que se defenderán arredor de cincocentas comunicacións.
Renións de asociacións e de investigadores

O interese que espertou este congreso no mundo iberoamericano queda reflectido nos grupos de investigadores e alumnos que desde diversos países que están confirmando a súa asistencial. Grupos de alumnos de varias universidades de Brasil organizan viaxes para participar no encontro académico e aproveitar a ocasión para coñecer Galicia e Portugal, onde pasarán dez días.

A cita de Compostela tamén reunirá a directivos das principais asociacións mundiais no campo da Comunicación.Está confirmada a presencia de representantes das asociacións IAMCR, ECREA, ALAIC, NORDICOM, CONFIBERCOM, LUSOCOM,
SOPCOM e AE-IC. Nas actividades paralelas ao congreso haberá reunións de decanos, de directores de próximos congresos de comunicación,  de programas como o IAMCR para Iberoamérica  ou o bilateral ALAIC/Nordicom, así como a presenza de numerosas revistas do campo da comunicación, que aproveitarán a ocasión para analizar a súa situación e as pespectivas de futuro.

Os directores de varios grupos de investigación en Comunicación tamén confirmaron que aproveitarán o encontro de Santiago para artellar redes de investigadores no ámbito iberoamericano. Mesmo, nas actividades paralelas ao congreso, está establecida unha sesión para concretar liñas de traballo e redes para afrontar proxectos nos vindeiros anos.

Toda a información sobre esta cita científica en:
http://www.estudosaudiovisuais.org/lusofonia/