Cultura Científica e Cultura Cidadá

O CSIC e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) organizan o IV Congreso sobre Comunicación Social da Ciencia, que terá lugar os días 21, 22 e 23 de Novembro no Campus do CSIC en Madrid. O obxectivo do Congreso é o de afondar na necesidade dunha cultura científica como parte da nosa cultura democrática, polo que pretende converterse nun foro de reflexión e debate sobre os novos métodos e instrumentos para promover o acceso dos cidadáns ó coñecemento científico.

Podedes acceder a máis información sobre prazos, temáticas e inscrición na páxina web de CSCiencia2007.

Xornalismo Económico: Vellos e novos desafíos

A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Navarra organiza os días 15 e 16 de Novembro de 2007 a XXII Edición do Congreso Internacional de Comunicación, que leva por título ‘Periodismo económico: Vellos e novos desafíos’. O Congreso centrarase nas luces e sombras do xornalismo económico, e nos desafíos que ten ante si esta especialización profesional.

As comunicacións, que poden enviarse até o 11 de Xuño, poderán adscribirse ós seguintes grupos de traballo: Desafíos profesionais do periodista económico; Evolución histórica do xornalismo económico; Retos empresariais e tecnolóxicos dos medios económicos; Peculiaridades da difusión de información económica; A formación dos profesionais do xornalismo económico; Efectos da información económica e A xestión das fontes no xornalismo económico.

A información económica gaña cada vez un maior protagonismo nos medios xeralistas, pois os cidadáns participan e interésanse cada vez máis polos movementos empresariais, os datos da macro e microeconomía ou os acordos entre os gobernos e as entidades financeiras. Por outra banda, tamén asistimos a certo boom das publicacións especializadas nesta materia.

Para aqueles que estean interesados, a información está xa dispoñíble na páxina web do Congreso.

Comunicação e Cidadania. V Congresso da SOPCOM

O prazo para a presentación de comunicacións remata o 30 de abril.

A Associação Portuguesa de Ciências da Comunicação (SOPCOM) organiza o Congresso “Comunicação e Cidadania” na Universidade do Minho, en Braga (Portugal), que se celebrará do día 6 ao día 8 de setembro. O evento dá continuidade aos celebrados en anos anteriores en Lisboa, Covilhã e Aveiro e pretende afondar nas relacións de converxencia e retroalimentación entre comunicación e cidadanía.

A SOPCOM marcou como data límite para a presentación de comunicacións o 30 de abril, mentres que os que desexen asistir ao congreso poderán apuntarse ata o día 30 de xuño. Máis información e envío de comunicacións ou inscricións na páxina da Associação Portuguesa de Ciências da Comunicação.

Reunión científica da SEP en Pamplona

O encontro terá lugar os días 20 e 21 deste mes de abril na Facultade de Comunicación da Universidade de Navarra.

A Sociedade Española de Periodística organiza unha nova reunión científica baixo o título “La Periodística como disciplina universitaria: balance y perspectivas“. O obxectivo do encontro é debater a periodística dende diversas perspectivas e puntos de vista, así coma a relación desta cos novos e vellos medios, coa docencia ou coa cuestión dos xéneros xornalísticos.

A reunión estruturarase en torno a sesións plenarias e mesas de comunicación nas que participarán, entre outros, Alfonso Nieto, José Luís Martínez Albertos, Josep María Casasús, Mª Pilar Diezhandino, Javier Díaz Noci, Francisco Esteve, Juan Cantavella e Arturo Merayo.

O prazo de inscrición está aberto ata o luns 16. Máis información, aquí.