Juan José Igartua impartirá o 11 de setembro unha sesión sobre «Tendencias en Investigación en Comunicación»

O catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade de Salamanca, Juan José Igartua, impartirá un seminario na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago o día 11 de setembro, de 10 a 12 horas. A esta actividade, promovida e organizada polo Grupo de Investigación Novos Medios, están convidados os alumnos que cursan o doutoramento no programa do Departamento de Ciencias da Comunicación.
Baixo o título «Tendencias actuales en los estudios cuantitativos en comunicación», o recoñecido experto en metodoloxía analizará a evolución da investigación en comunicación e os desafíos actuais. Na súa exposición, que se celebrará na sala de xuntas do Departamento de Ciencias da Comunicación, explicará algunha das técnicas cuantitativas máis empregadas ao tempo que analizará as súas fortalezas e debilidades.

A cultura hacker a debate en Compostela

O grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela Gis-T IDEGA mailo colectivo Baleiro organizan un foro aberto o próximo día 21 de xuño, xoves, na Facultade de Filoloxía da USC de 16h a 19h.

O encontro celébrase co obxectivo é abrir un espazo de reflexión sobre o novo escenario no que se constrúe o discurso social -onde predomina a horizontalidade, a apertura e as metodoloxías P2P- e onde se produce unha loita deste, dinámico e activo, co marco educativo institucional, caracterizado por unha rixidez e verticalidade dominado por lóxicas que responden á dicotomía inclusión/exclusión.

Foro aberto sobre cultura hacker

Neste contexto xorde o denominado terceiro espazo, elemento sober o que xirarán boa parte das intervencións programadas no foro e que fai referencia a esa produción colectiva do público en escenarios comunitarios caracterizados pola súa esencia plural e diverxente que permite resolver as loitas ou friccións de xeito colectivo en termos socioculturais.

Podedes atopar toda a información na páxina web do grupo Gis-T IDEGA.

Moisés Limia acada o grao de doutor

En Novos Medios estamos de noraboa xa que, no día de onte, Moisés Limia defendeu con éxito a súa tese de doutoramento titulada «Relaciones entre periodismo y literatura en la obra de García Márquez: Historia, mito y violencia». O traballo do novo doutor acadou a máxima calificación, sobresaliente cum laude, por un traballo calificado como excelente por parte do tribunal.

Parabéns ao novo doutor!

Dous novos doutores no seo de Novos Medios

O grupo Novos Medios conta con dous novos doutores entre os seus membros. Ana López Cepeda e Manuel Gago Mariño defenderon as súas teses doutorais con éxito acadando a cualificación de Sobresaliente Cum Laude.

Ana López Cepeda, dirixida por Francisco Campos presentou a súa investigación titulada «Órganos de control e xestión da radiotelevisión pública estatal e autonómica en España». Por outra banda, Manuel Gago defendeu o seu traballo titulado «Deseño editorial e arquitectura da información nos cibermedios internacionais de referencia», dirixido por Xosé López e Francisco Campos.

Parabéns dende o grupo aos dous novos doutores!

Comeza comunicarlacomplejidad.com no Mosteiro de Aciveiro

Acaba de dar comezo, un ano máis, o encontro da UIMP sobre comunicación en Aciveiro. Dirixido por Xosé López e baixo o título de “Comunicarlacomplejidad.com. Política, economía y comunicación en la Europa de la era digital” tratará aspectos sobre a actualidade no eido da comunicación en termos políticos, económicos e tecnolóxicos no marco da Unión Europea.

Dende novosmedios.gal materémosvos informados sobre as ideas o que no incomparable marco do Mosteiro de Aciveiro xurdan e se debatan entre hoxe e mañá. Tamén podedes seguir o encontro ao detalle en Twitter a través de @novos_medios e do hashtag #UIMPaciveiro.

II Congreso de Ciberperiodismo y Web 2.0

Celébrase os días 10, 11 e 12 de novembro deste ano 2010

Todos os que esteades interesados en participar dun encontro onde o xornalismo dixital e a transición entre a web 1.0 e a web 2.0 son o eixo central estades a tempo. A Universidade do País Vasco organiza o II Congreso de Ciberperiodismo y Web 2.0, que se celebrará os días 10, 11 e 12 do vindeiro mes de novembro. Os que participedes no congreso teredes a oportunidade de asistir a conferencias e coloquios onde se tratará o novo modelo de produción da información que os medios de comunicación dixitais están a asumir coa necesaria adaptación á web 2.0.

No contexto actual, as audiencias non só demandan contidos, senón que se postulan como fontes produtoras de información. Os medios dixitais deben aprender a incorporar as achegas dos seus usuarios ao seu discurso, facer partícipe á audiencia do medio e crear unha corrente de retroalimentación. Deste xeito, conseguirá canalizar a corrente de información dos seus usuarios facendo desta un valor engadido do medio e conecendo importancia aos lectores, provocando unha maior identificación destes co medio.

Todos estes temas e moitos máis trataranse durante os tres días que dura o II Congreso de Ciberperiodismo y Web 2.0. O prazo para o envío de propostas de comunicación está aberto ata o día 31 de xullo. Podedes atopar máis información aquí.

Axenda propia e frecuencia de rotación de noticias elevada, así se definen os social media con respecto aos medios tradicionais

Segundo un estudo de Pew Research Center, os social media ou medios sociais contan cunha axenda propia que difire, en moitos casos, da dos medios tradicionais. Este estudo, realizado sobre as novas que os usuarios compartiron durante un ano (entre o 19 de xaneiro de 2009 e o 15 de xaneiro de 2010) nos EUA, di que as informacións ás que o usuarios daban relevancia a través das redes sociais difiren das que publicaron xornais impresos e electrónicos ou cubriron radios ou televisións nos mesmo período de tempo.

Ademais, este estudo tamén avanza unha característica importante das redes sociais en canto á evolución que sofren as noticias unha vez son engulidas pola «maquinaria social»: as noticias teñen unha frecuencia de rotación elevada e os rankings de informacións máis compartidas sofren actualizacións constantes debido á velocidade coa que os usuarios actúan a través dos medios sociais.

Tamén hai que destacar que os datos que aporta este traballo do Pew Research Center falan dun posicionamento importante como é a dos medios tradicionais como fonte de confianza, xa que o 99% das noticias que enlazan os usuarios nos medios sociais pertencen a xornais, radios e televisións.