A análise dos sistemas mediáticos e políticos centrou un curso da UIMP en Aciveiro

O sábado clausurouse o curso «Europa ante o desafío da reordenación do sistema mediático» que a Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) organizou no Mosteiro de Aciveiro (Forcarei-Pontevedra) os días 17, 18, 19 e 20 de outubro. Dito encontro reuniu a investigadores e docentes procedentes de España, Italia e Portugal e relacionados coas Ciencias da Comunicación e Política, que reflexionaron sobre as pautas que Europa, España e tamén Galicia teñen que asumir ante a reordenación que se está a producir no sistema mediático actual.

No seminario analizáronse diversos temas de actualidade como o desenvolvemento das novas tecnoloxías, o estancamento do audiovisual, a polarización política, a ausencia de identidade propia nos medios de comunicación, a prevalencia do mercado e tamén a ausencia de políticas públicas no sector audiovisual.
Entre outros, participaron o Catedrático de Ciencia Política, Ramón Cotarelo, quen chegou a afirmar que «os medios de comunicación determinan a política» e que resaltou a progresiva importancia de internet nos procesos electorais; o Catedrático de Xornalismo, Bernardo Díaz Nosty, quen sentenciou que en España existe unha «dieta mediática pobre» en comparación coa que existe noutros países da Unión Europea, sobre todo nos países nórdicos. Para Díaz Nosty, os sistema mediático español presenta moitas deibilidades e non é posible que se esté producindo «esta intoxicación alimentaria» falando ó respecto da televisión española; e o profesor Emili Prado, da Universidade Autónoma de Barcelona, que concluiu que é o usuario o que está a adquirir todo o protagonismo na fase mediática actual. Nesta fase do «todo digital y todo en red» nin prensa, nin radio, nin televisión, nin internet se conciben como medios separados, senón que se refire a un «almacén universal virtual» ó que calquera persoa pode acceder se ten as habilidades, as tecnoloxías de acceso e os recursos.

A importancia dos medios de comunicación na actualidade tamén foi resaltada por outros participantes, como por exemplo, José Manuel Rivera Otero, profesor de Ciencias Política e Secretario Xeral de Análise e Proxección da Xunta de Galicia, que coincidiu con Cotarelo afirmando que existe unha «clara e forte conexión entre política e medios de comunicación» ata o punto de que hoxe en día a importancia dos medios é tal que «incluso están sustituíndo á política». Ademais engadiu que «cada día chegamos máis e chegamos menos á cidadanía», cando aludiu á concepción do discurso político actual dicindo que é «efémero, que non ten persistencia nos medios e que provoca a incomunicación coa sociedade»

Outros expertos que participaron nas xornadas foron Giussepe Richeri, da Universitàdella Svizzera Italiana, Manuel Noble-Correia, da Universidade Libre de Bruxelas, Miquel de Moragas, da Universidade Autónoma de Barcelona e Fermín Bouza, da Universidade Complutense de Madrid, que falou sobre a comunicación dos partidos políticos na actualidade.

Deja un comentario