Co gallo da celebración do 10º anirversario do seu nacemento, lavozdegalicia.es produce un especial que fai un percorrido polos seus dez anos de vida onde recolle os acontecementos máis destacados de cada ano, a evolución do deseño, datos de audiencias así como a aparición das redes sociais e a súa incorporación ao deseño do xornal. Unha das pezas que compoñen o especial é este vídeo no que se recolle como é o funcionamento diario da edición dixital de La Voz de Galicia.
Profesionais
Na busca de valor engadido no xornalismo: unha mirada ás redes sociais
A información deste texto relativa ao The New York Times e as opinións de Jennifer Preston están tiradas de dúas entrevistas publicadas en elpais.com e 233grados.com á social media editor do xornal norteamericano
Jennifer Preston é a editora de medios sociais do xornal The New York Times. Logo dunha longa traxectoria como xornalista no xornal norteamericano, en maio de 2009 nomeárona “social media editor”, posto que nos últimos tempos ten cobrado moita relevancia nos medios de comunicación. Puxeron nas súas mans todas aquelas cuestións que teñen quen ver co posicionamento e presenza do medio nas redes sociais. Como recoñece Preston, naquel momento sentiuse perdida ao ter que asumir o novo posto, pero pronto se decatou de que a vía de colaboración cos usuarios e lectores do The New York Times era o camiño polo que debían transitar. Deste xeito, por exemplo, no xornal da cidade de Nova Iork pasouse de administrarse unha única cunha conta xenérica do medio a ter 85 activas na acutalidade dedicadas a distintos temas que alimentan máis de 145 xornalistas.
O xornal busca un contacto necesario coa audiencia, facer que os usuarios e lectores se sintan parte do medio tendo en conta os seus comentarios en Twitter ou Facebook, facendo que as súas informacións e datos formen parte das historias que se contan no The New York Times. Obviamente, faise necesaria unha labor de selección que Preston considera esencial. Dende o seu equipo no xornal faise un seguemento dos distintos perfís dos usuarios que participan con comentarios nas contas propias do The New York Times, as súas achegas, os textos publicados nos seus perfís, etc. co obxectivo de poder identificar distintos niveis de confianza nas redes sociais á hora de investigar certos datos ou acudir a lugares indicados polos twitters ou usuarios de Facebook.
Esta estratexia de incorporar, a través do filtro do rigor e da selección, os usuarios á dinámica de funcionamento do medio mediante as estratexias postas en marcha a través das redes sociais ten como resultado un nivel de implicación por parte da audiencia co xornal moi alto (cando no medio se anuncia que se vai facer unha reportaxe sobre un tema determinado, o medio pode recibir centos de correos electrónicos aportando ideas, datos, localizacións, etc.). A clave do bo funcionamento e integración das redes sociais no traballo dos xornalistas de The New York Times é que estes entenderon, dende o primeiro momento, o que para Preston era unha evidencia: as redes sociais aportan un valor engadido esencial ao traballo xornalístico.
O futuro dos medios impresos xa está aquí, como afrontalo?
Non hai dúbida de que a prensa escrita se atopa nun momento de crise no que as ventas baixaron de xeito alarmante. A rápida e imparable penetración das TIC na sociedade e o uso intensivo que esta fai das novas ferramentas e conexións de banda ancha en mobilidade constrúen un panorama de reconfiguración para os medios impresos. Aquel futuro que os medios impresos vían lonxano non hai moitos anos xa chegou, e fíxoo coa mesma velocidade coa que as novas tecnoloxías se instalaron entre nós. Así, futuro é presente e comeza a ser pasado e os medios impresos proban modelos que os deben levar a reinventarse neste novo contexto.
Presentamos dúas reportaxes. Na primeria, “I tu quin diari compres?” -documental realizado pola Televisió de Catalunya- analízase a crise dos medios impresos que ven como, paradoxicamente, moitos diarios se atopan ante a difícil decisión de ter que pechar as súas redaccións nun contexto coma o actual, onde se consumen máis noticias e información ca nunca.
A segunda reportaxe foi emitida por TVE a través do seu programa Informe Semanal (27/02/2010) e, baixo o título “La tormenta de papel”, analiza a situación de crise que viven os medios impresos da man dos directores dos principais medios impresos e dixitais españois, que aportan acertadas visións e apuntan modelos de negocio cos que esperan poder adaptarse á reconfiguración dos ecosistema mediático.
Enlace: pincha aquí.
Manuel Castells: a interdisciplinariedade como seo da innovación
Castells defendeu con vehemencia a importancia da interdisciplinariedade e da transdisciplinariedade na universidade. O verdadeiramente relevante non é discutir en que campo da ciencia se desenvolve un traballo ou a pertinencia de que se chame dunha maneira ou outra, senón con que outros ámbitos se poden establecer pontes de colaboración.
Por que é tan importante para Castells esta colaboración entre disciplinas? Porque é nese terreo de ninguén, explicado como un lugar “entre fallas” polo profesor Castells valéndose dun símil coa xeoloxía, onde se produce a innovación, polo que se fai necesaria unha reconceptualización das disciplinas e dos camiños de colaboración que entre elas se poden debuxar.
Aquí remata a serie de posts destinados a comentar a magnífica conferencia que o profesor Castells impartiu en Santiago de Compostela o día 15 de outubro de 2009.
“Aprender a aprender” ou a autoprogramación actualización da man de obra, segundo Castells
Hoxe en día, afirmaba Castells, as persoas deben esforzarse en “aprender a aprender en un mundo interactivo”. Deben primar os individuos “autoprogramables”, aqueles que son capaces de adquirir novos coñecementos e recombinalos para poder acceder a unha redefinición laboral, sobre os “xenéricos”, os substituíbles e vulnerables ante os axustes á baixa dos recursos humanos nas empresas, os que carecen da capacidade de reciclaxe necesaria.
Neste senso, e tendo en conta que unha vez as persoas acceden ao mercado laboral contan con pouco tempo para poder acudir a centros de formación presencial, Castells enfatiza a necesidade da existencia de centros que posibiliten unha formación virtual de calidade. Esta formación de carácter virtual permite a reciclaxe continua da forza de traballo polo que os traballadores “xenéricos” terían oportunidades de “reprogramación” e inmersión en novos postos de traballo derivados da súa nova capacidade para adquirir coñecemento e recombinalo coa experiencia acumulada.
Manuel Castells: as 6 funcións da universidade
Castells sintetiza en 6 as funcións que a universidade ten desenvolvido ao longo da súa historia:
– A universidade que produce valores e lexitimación social propia da fase na que as escolas teolóxicas centraban a actividade universitaria.
– Función de selección de elites a través da súa educación e da configuración da súa rede social.
– A universidade formadora de profesionais propia da universidade tecnolóxica.
– Función de produción de coñecemento. Castells fala da universidade científica, función tardía que comezou a desenvolver na segunda metade do s.XIX en Alemaña e logo importada polos E.U.A. a finais dese mesmo século.
– A universidade educadora de masas. A universidade xeralista que estende o dereito á educación universitaria a todo o mundo. Os recursos non medran proporcionalmente ás necesidades plantexadas polo incremento de alumnos. Trátase do que Castells acuñou como “café para todos, pero descafeinado”.
– Función emprendedora. A universidade emprendedora xestiona a conexión entre o mundo da empresa e a produción de coñecemento que se desenvolve no seu seo. É a encargada de trazar pontes de relación para que o fluxo de coñecementos entre a universidade e a necesidade de desenvolvemento de aplicacións e tecnoloxías da empresa privada sexa continuo, frecuente e de calidade.
Ningunha universidade desenvolve as seis funcións na súa totalidade xa que segundo Castells é “imposible” que isto suceda. Hoxe en día, as institucións universitarias deberían centrarse en acadar calidade na súa actividade desenvolvendo algunha das funcións anteriormente descritas. A excelencia debe ser un dos fins primeiros das universidades xunto coa súa función de servizo público (que non implica a exclusión das universidades privadas que realicen tamén unha boa labor de servizo á público) e a necesidade de autoconstituirse como espazos con autonomía propia para servir á sociedade nun contorno de liberdade.
Castells sitúa a universidade no centro do mundo
“A universidade é a institución central do mundo en que vivimos”. Deste xeito comezou Manuel Castells a conferencia que impartiu onte na Sala de Debates do Centro de Estudos Avanzados da USC. Este papel central que Castells apunta susténtase no feito de que son as universidades e non outras institucións as principais produtoras de coñecemento así como as responsables de formar a quen manexa, aplica e xestiona ese coñecemento. A intervención, titulada “A Universidade na era da información” serviu para que o profesor Castells apuntara as función básicas da universidade, herdanza das diferentes etapas históricas polas que pasou, así como para tratar temas tan interesantes como a necesidade de reciclaxe que os traballadores experimentan no mundo actual e as formas de facerlle fronte valéndose das novas tecnoloxías ou a relación entre as disciplinas do coñecemento científico e a súa relación.
Iremos publicando algunhas reflexións que o profesor Castells realizou durante a conferencia de onte.
Manuel Castells explicará en Santiago a súa visión sobre a universidade na era da información
Manuel Castells, profesor da Universitat Oberta de Catalunya, Catedrático Emérito de Socioloxía e Catedrático de Planificación Urbana e Rexional da University of California (Berkeley), impartirá este xoves a conferencia titulada “La universidad en la era de la información”. O acto terá lugar na Sala de Debates do Centro de Estudos Avanzados no Parque de Vista Alegre, en Santiago de Compostela, o xoves día 15 ás 19:00 horas.
Na páxina de Novos Medios daremos boa conta do que o profesor Castells aporte a esa visión sobre a relación entre a universidade e o período histórico que está a vivir, a era da información.
Unha conversa sobre gráficos e multimedia no New York Times
Na viaxe que realizamos recentemente aos Estados Unidos, tivemos a oportunidade de visitar o New York Times e entrevistarnos con dúas persoas claves para comprender o actual liderazgo en innovación do nytimes.com, a edición electrónica do emblemático e influínte xornal. Tratábase de Steve Duenes, editor de Gráficos e Andrew DeVigal, o editor de multimedia, mercé á intercesión de Xaquín González, Xocas, un infografista que está a traballar na área de gráficos do NYT, adaptando os gráficos de papel ao contorno web. Desa experiencia, editamos 17 minutos de vídeo con fragmentos relevantes que te poden interesar.
Nas interesantísimas e longas entrevistas con Duenes e DeVigal, puidemos reflexionar con eles sobre este proceso de cambio dun xornal tan complexo coma o New York Times. Nos últimos tres anos, a redacción comezou a vivir un interesante proceso de transformación: elimináronse xerarquías intermedias e todas as áreas comezaron a traballar dunha forma máis aberta e descentralizada, por unha banda, e pola outra entrou na redacción numerosa xente nova de perfís non xornalísticos, senón máis ben técnicos: programadores, especialistas en deseño web, etc. Ese proceso tivo dúas consecuencias para o xornal: a primeira foi un incremento de produción en todas as áreas máis artesanas (e multimedia, gráficos e a web o son) ata niveis moi elevados. “Somos capaces de publicar multimedia”, dinos DeVigal, “de xeito habitual, diaria ou semanalmente”. Pero tamén tivo contrapartidas, como nos sinalou Steve Duenes: toda a xente con eses novos perfís carece de formación xornalística e iso limita bastante a execución dalgunhas historias. Unha pura historia das consecuencias da evolución dos medios, cos seus achados e contradicións.
Duenes e DeVigal afrontan cunha receita clásica e moita apertura de miras o futuro do xornalismo. “It’s all about content”, asegura DeVigal cando se lle pregunta que é o que distinguirá aos medios nun contexto de sobreabundancia informativa. Os multimedias do New York Times fanse con xornalistas radiofónicos, reclutados na radio pública, que a base de Audacity, editan, reeditan e traballan o audio para conseguir un discurso directo, sinxelo e claro nas fontes. Pura paciencia. Pero os cambios, benvidos sexan: “Os programadores están a cambiar a nosa visión da narración de historias”. Para o futuro inmediato, DeVigal ve dúas direccións: a sala de estar e o teléfono móbil. “Xa estamos deseñando historias para ser vistas nunha televisión interactiva, nunha sala de estar”, asegura DeVigal, “pero tamén queremos velas aquí [sinala o seu iPhone], malia que aínda non teñamos un xeito de facer economicamente sustentábel as experiencias móbiles. Sei que hai diñeiro, pero aínda non sabemos onde”.