Estudo sobre a situación actual do xornalismo

Publicado un informe sobre a situación do xornalismo na actualidade, titulado Post-Industiral Journalism: Adapting to the Present, elaborado por C.V. Anderson, Emily Bell e Clay Shirky, do Tow Center for Digital Journalism, da Columbia Journalism School. No texto recóllese unha visión xeral do proceso de adaptación do entorno mediático aos novos fluxos informativos que non se centran exclusivamente nas empresas e apunta recomendacións de cambio e innovación para que os profesionais poidan adaptarse ao ecosistema dixital e tecnolóxico.
Aínda que repasa a situación do xornalismo estadounidense, permite albiscar pistas sobre as transformacións inevitables das formas e estruturas de transmitir información. A adaptación aos novos contextos informativos tanto dos xornalistas como das empresas, dende a óptica dun achegamento á mellora dos contidos e do aproveitamento da tecnoloxía, é principio axial do traballo. Os autores salientan que as novas posibilidades para o xornalismo requiren tamén novas formas de organización, que están lonxe de conservar as xerarquías e os métodos de traballo tradicionais e recalcan a necesidade de adecuación a un mundo no que as persoas, antes audiencia, non son lectores e espectadores, senón usuarios e editores, o que tería que significar un cambio, non só de tácticas senón tamén de auto-concepción , para responder á incorporación dos individuos na xestión dos datos informativos.

Anderson, C.V.; Bell, Emily; Shirky Clay. “Post-Industiral Journalism: Adapting to the Present” [en liña]. Tow Center for Digital Journalism, Columbia Journalism School, 2012. <http://towcenter.org/wp-content/uploads/2012/11/TOWCenter-Post_Industrial_Journalism.pdf > [Consulta: 19 outubro 2012]

Axenda propia e frecuencia de rotación de noticias elevada, así se definen os social media con respecto aos medios tradicionais

Segundo un estudo de Pew Research Center, os social media ou medios sociais contan cunha axenda propia que difire, en moitos casos, da dos medios tradicionais. Este estudo, realizado sobre as novas que os usuarios compartiron durante un ano (entre o 19 de xaneiro de 2009 e o 15 de xaneiro de 2010) nos EUA, di que as informacións ás que o usuarios daban relevancia a través das redes sociais difiren das que publicaron xornais impresos e electrónicos ou cubriron radios ou televisións nos mesmo período de tempo.

Ademais, este estudo tamén avanza unha característica importante das redes sociais en canto á evolución que sofren as noticias unha vez son engulidas pola “maquinaria social”: as noticias teñen unha frecuencia de rotación elevada e os rankings de informacións máis compartidas sofren actualizacións constantes debido á velocidade coa que os usuarios actúan a través dos medios sociais.

Tamén hai que destacar que os datos que aporta este traballo do Pew Research Center falan dun posicionamento importante como é a dos medios tradicionais como fonte de confianza, xa que o 99% das noticias que enlazan os usuarios nos medios sociais pertencen a xornais, radios e televisións.

Localizar novas cadeas de valor para os contidos nos cibermedios

O programa Shaping the future of the Newspaper da Asociación Mundial de Editores de Periódicos produciu en marzo un interesante informe: The value of news content (aquí pódese descargar o resumo executivo). “O hipercompetitivo escenario de medios e un mercado conducido polo consumidor están a crear unha oportunidade para que as compañías de xornais maximicen a Cadea de Valor do contido para ser máis eficiente e obteña beneficio”, advirten os redactores. O informe contén algunhas recomendacións ben interesantes sobre o escenario actual: están moi orientadas ás grandes compañías de comunicación pero teñen reflexións interesantes tamén en pequenas e medianas empresas e medios, especialmente no caso de pequenos ecosistemas mediáticos nos que as institucións públicas teñen un importante peso comunicativo. Vin tres ideas suxestivas:

1. Novo ecosistema de medios, e a capa básica de información

O máis interesante do informe é as advertencias que fai nas transformacións do Ecosistema de Medios. No novo ecosistema, hai un fluxo de información e contidos xeral, mil veces replicado en todo tipo de plataformas e que usuario topa continuamente e sen dificultade. É a “commoditized information“, a materia prima de alto consumo e alta dispoñibilidade. No novo contexto de Internet esta capa está asegurada por múltiples puntos e os medios que aspirasen a incrementar a súa cadea de valor deberan dala, principalmente, por suposta e asumir que carece, practicamente, de valor de mercado e retorno económico. É dicir, toda a maraña de notas de prensa, notas de axencia, comunicados oficiais e titulares replicados ao longo dos medios.

A diferencia, para o informe, está noutro tipo de información especializada no usuario final. Se no modelo anterior o “xuízo das noticias”, a súa avaliación e estimación por parte dos profesionais do xornalismo, conducía o desenvolvemento do contido, no novo modelo este papel descende, e é o enfoque na audiencia o que orienta a produción de contido.

A plasmación é bastante máis operativa, e baséase nunha maior especialización e diferenciación nun contexto de réplicas case instantáneas de determinados contextos informativos. Segundo o informe, é preciso achegarse máis ao concepto de información personalmente relevante. Por suposto, traballar nun cibermedio con conceptos persoais require unha reestruturación moi delicada da arquitectura da información do sitio e do xeito no que traballan os xornalistas.

2. Valores, lealdade e percepción de cibermedios alén do consumo de contidos

O informe ademáis inclúe referencias a unha investigación levada a cabo por The Readership Institute da Universidade de Northwestern na que se busca saber que é o que traslada o cibermedio alén da propia satisfacción da lectura do seu contido, é dicir, que experimenta o usuario que acude fielmente a unha cabeceira. Entre as respostas, os investigadores identificaron varios temas recurrentes:

  • O sitio tócame e expande a miña visión
  • Conéctame con outros
  • Paga a pena gardalo e compartilo
  • Faime máis smarter (listo, espabilado)
  • Entretenme e absórbeme
  • Está adaptado a min

3. Consolidación de novos formatos, posibilidades e conceptos nos cibermedios máis destacados:

Segundo un informe de The Bivings Group, determinados conceptos e formatos están a consolidarse nos cibermedios, comezando a formar un estándar que achega unha radiografía moi valiosa da estrutura dos cibermedios actuais:

Manuel Gago

Prospectiva TIC 2026: xogando a ser adiviños

O Libro Blanco titulado  Prospectiva TIC 2026 trátase dun informe que pretende trazar unha panorámica das Tecnoloxías da Información e da Comunicación a longo prazo. Auspiciado por Prosodie e pola axencia  MARKESS International, basease nunha búsqueda documental previa que permitiu reunir informacións sobre o entorno demográfico, económico e sociolóxico no que se enmarcarán as TIC no ano 2026. Para elo foron consultados 50 expertos, contándose entre os mesmos directores de sistemas de información, altos cargos de empresas de comunicación e diversos persoeiros do ámbito político, xurídico e económico.

Ler máisProspectiva TIC 2026: xogando a ser adiviños

Trends in newsrooms 2007: coopera cos teus competidores e busca lectores nos medios sociais

cover_tin2007.jpgAcabo de ler o novo e excelente Trends in newsrooms 2007, o informe anual editado polo World Editors Forum e editado por John Burke, que é o coordinador do selecto blog sobre industria de medios Editors Weblog. O propio informe é unha selección de datos e informes procedentes de máis de 100 fontes que serven diariamente para a edición deste blog, pero avanza importantes nocións que sinalan o grado de asimilación por parte da industria das últimas leccións do mundo dixital.

As sete leccións do Trends in newsrooms 2007 son as seguintes:

  • Integra a túa redacción paso a paso
  • Interactúa cos teus lectores
  • Coopera cos teus competidores
  • Convértete nun portal para a túa rexión
  • Crea unha redacción multi-xornal
  • Achégate aos lectores mozos a través dos medios sociais
  • Fornece ferramentas para a personalización das noticias

Sen dúbida, algunhas delas, como a cooperación cos competidores, non son doados de asumir, pero asumen parte da filosofía mashup que desde o exterior da industria foi medrando desde o ano 2003. Na enquisa previa, practicada a 435 periodistas con cargos nas redaccións en todo o mundo, sorprende tamén o optimismo ante a algunhas cuestións que suscitaban controversia hai non ben pouco: un 74% consideran que a transformación do paradigma de noticias, de conferencias a conversacións preconizado por Dan Gillmor ten efectos moi positivos para o xornalismo de calidade. Para mellorar a calidade editorial do medio, os executivos distinguen claramente dous factores relevantes: ensinar aos xornalistas en novos medios (37%) e reclutar máis xornalistas (23%), un detalle moi interesante que fala sobre que a optimización non quere dicir reducción. Un punto moi significativo é a confianza na vixencia no futuro dos formatos opinativos e análise tradicionais nos medios: un 66% dos executivos consideraban que no futuro tendrían, aínda, máis relevancia.

Trends in newsrooms 2007 parece recoller o sentir significativo en gran número de redaccións ante o cambio de paradigma do xornalismo propulsado polas novas tecnoloxías e a posición significativa e relevante dos cibermedios no novo escenario. Moitas das estratexias indicadas profundizan nos valores específicos do novo soporte de cara o xornalismo. Unha visión sólida das boas prácticas no xornalismo de principios de século.

Manuel Gago

As TIC e as universidades españolas

A Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) presentou hoxe o informe “As TIC no Sistema Universitario Español (2006): Unha Análise Estratéxica”. Nel establécese a situación das TIC nas universidades españolas e propóñense proxectos de impulso.

A pesar de encontrarse a un bo nivel, neste informe proponse incrementar a difusión dos resultados de investigación a través da Web (o 93% faino actualmente) e as aplicacións de xestión da investigación (actualmente dispoñen delas o 91% das universidades)
No informe tamén se recomenda incrementar a formación en TIC de toda a comunidade universitaria.

O grao de informatización dos distintos servizos universitarios (xestión) é variable. Fronte a porcentaxes de case o 100% de penetración de aplicacións (consulta de notas a través da Web, automatrícula Web ou consultas a bibliotecas) hai servizos de escasa implantación como os relacionados coas compras electrónicas ou a sinatura dixital que non superan o 25% de implantación. Destes datos despréndese que se debe incrementar a informatización de todos os servizos universitarios (atópase ao 60%), así como os elementos de administración electrónica (actualmente atópase ao 40% do seu posible implantación).
En relación ao soporte, destácase que o 9% dos ordenadores universitarios dispoñen dun sistema operativo “libre” e que o 30% dos produtos informáticos utilizados nas universidades españolas son de software libre.
O orzamento destinado no 2005 ás TIC nas Universidades supón un 3,2% do total, cunha media de 201 € por alumno e ano. Os autores apuntan a que sería necesario incrementar devandito orzamento para posibilitar as accións de mellora propostas no informe. Polo de agora, este informe non está dispoñible en internet.