Un día de traballo na edición dixital de La Voz de Galicia

Co gallo da celebración do 10º anirversario do seu nacemento, lavozdegalicia.es produce un especial que fai un percorrido polos seus dez anos de vida onde recolle os acontecementos máis destacados de cada ano, a evolución do deseño, datos de audiencias así como a aparición das redes sociais e a súa incorporación ao deseño do xornal. Unha das pezas que compoñen o especial é este vídeo no que se recolle como é o funcionamento diario da edición dixital de La Voz de Galicia.

Na busca de valor engadido no xornalismo: unha mirada ás redes sociais

A información deste texto relativa ao The New York Times e as opinións de Jennifer Preston están tiradas de dúas entrevistas publicadas en elpais.com e 233grados.com á social media editor do xornal norteamericano

Jennifer Preston é a editora de medios sociais do xornal The New York Times. Logo dunha longa traxectoria como xornalista no xornal norteamericano, en maio de 2009 nomeárona “social media editor”, posto que nos últimos tempos ten cobrado moita relevancia nos medios de comunicación. Puxeron nas súas mans todas aquelas cuestións que teñen quen ver co posicionamento e presenza do medio nas redes sociais. Como recoñece Preston, naquel momento sentiuse perdida ao ter que asumir o novo posto, pero pronto se decatou de que a vía de colaboración cos usuarios e lectores do The New York Times era o camiño polo que debían transitar. Deste xeito, por exemplo, no xornal da cidade de Nova Iork pasouse de administrarse unha única cunha conta xenérica do medio a ter 85 activas na acutalidade dedicadas a distintos temas que alimentan máis de 145 xornalistas.

O xornal busca un contacto necesario coa audiencia, facer que os usuarios e lectores se sintan parte do medio tendo en conta os seus comentarios en Twitter ou Facebook, facendo que as súas informacións e datos formen parte das historias que se contan no The New York Times. Obviamente, faise necesaria unha labor de selección que Preston considera esencial. Dende o seu equipo no xornal faise un seguemento dos distintos perfís dos usuarios que participan con comentarios nas contas propias do The New York Times, as súas achegas, os textos publicados nos seus perfís, etc. co obxectivo de poder identificar distintos niveis de confianza nas redes sociais á hora de investigar certos datos ou acudir a lugares indicados polos twitters ou usuarios de Facebook.

Esta estratexia de incorporar, a través do filtro do rigor e da selección, os usuarios á dinámica de funcionamento do medio mediante as estratexias postas en marcha a través das redes sociais ten como resultado un nivel de implicación por parte da audiencia co xornal moi alto (cando no medio se anuncia que se vai facer unha reportaxe sobre un tema determinado, o medio pode recibir centos de correos electrónicos aportando ideas, datos, localizacións, etc.). A clave do bo funcionamento e integración das redes sociais no traballo dos xornalistas de The New York Times é que estes entenderon, dende o primeiro momento, o que para Preston era unha evidencia: as redes sociais aportan un valor engadido esencial ao traballo xornalístico.

ProPublica, primeiro medio exclusivamente online que recibe un Premio Pulitzer

propublica

A web ProPublica recibe un Premio Pulitzer por unha reportaxe de investigación sobre o furacán Katrina que fora co-publicado con The New York Magazine o 30 de agosto do ano 2009. ProPublica, organización sen ánimo de lucro que publica información a través da rede, convértese no primeiro medio exclusivamente online que recibe un Premio Pulitzer.

Posibilidades da realidade aumentada nos mapas, por Blaise Agüera y Arcas

Blaise Agüera y Arcas traballa na arquitectura de mapas para Microsoft en Bing Maps. Neste vídeo amosa algunhas das posibilidades que ofrece a realidade aumentada a través dos mapas. É interesante ter en conta estas novas ferramentas á hora de contar historias e redimensionar os discursos narrativos dos cibermedios en determinados casos onde, por exemplo, os mapas contan cunha especial relevancia informativa.

Perfil de Blaise Agüera y Arcas

Cadernos para ilustrara a vida: Urban Sketchers

Gabriel Campanario (Barcelona, 1969), xornalista e ilustrador que desenvolve o seu traballo no xornal dos EUA The Seattle Times, é o ideólogo de Urban Sketchers, un blog común onde máis de cen artistas colaboran coas súas ilustracións para dar unha nova visión da realidade.

Gabriel comezou a traballar para The Seattle Times como infografista e ilustrador e, nunha das súas saídas para recoller datos, ocorréuselle que podía contar historias botando man da súa gran paixón, o debuxo e a ilustración. Unha vez madurada a idea, e co beneplácito dos seus xefes, comezou a contar a vida diaria de Seattle dende o seu caderno, escribindo historias con acuarela. É, sen dúbida, unha nova forma de contar a vida. É o debuxo pegado á realidade, historias contadas en cadernos a dobre páxina.

Podedes ver a páxina persoal de Gabriel Campanario , o seu blog do Seattle Times e, por suposto, ver o traballo colectivo realizado en Urban Sketchers .

A integración xornalística, entre o modelo xornalístico e a necesidade económica

A integración xornalística responde a un modelo xornalístico ou a unha necesidade económica? Con esta cuestión abriu Nacho Escolar a mesa sobre integración xornalística programada para a tarde deste primeiro día de congreso. Ao seren preguntados, Roitberg afirmou que respondía a ámbalas dúas finalidades, se ben concretou que a integración responde, sen dúbida, a unha necesidade na mellora do modelo de xestión de contidos.

Borja Bergareche, pola súa banda, expuxo a experiencia de abc.es onde remataron onte mesmo o traslado das diferentes redaccións á sala común onde se atopa xa integrada a nova estrutura de ABC. Esta nova arquitectura responde a unha necesidade de aproveitar o “músculo xornalístico” e as capacidades de todos os traballadores do medio. Como di Bergareche, “a integración é unha forma de sguir cumprindo coa función cívica que corresponde aos medios ao tempo que é unha oportunidade para que cada xornalista, a nivel individual, se reinvente”. Esta nova disposición espacial na redacción permitirá crear novas dinámicas de traballo entre os xornalistas das distintas plataformas na busca dun “roce que fai o cariño, pero onde tamén xurden loitas diarias, das que esperamos sacar proveito”, concluía Bergareche.

Porén, non todos os casos expostos durante a conversa xiraron en torno a experiencias de integración de redaccións xa que, como foi o caso de Rosalía Lloret ou Gumersindo Lafuente, defenderon tamén un concepto distinto de integración: unha reestruturación da labor xornalística na propia cabeza dos profesionais. Tanto Lloret como Lafuente dirixiron a súa liña argumentativa con respecto á integración de redaccións por un camiño onde o esencial é o cambio no xeito de traballar dos xornalistas, e non tanto unha estrtuturación física concreta das redaccións.

Este cambio pódese entender coma unha necesidade de manexarse en diferentes formatos e entender as dinámicas e claves de producción de produtos para as diferentes plataformas, “adaptar o oficio xornalístico á nova lóxica dos medios”, como concluíu Lafuente.

Unha das máis interesantes mesas redondas do XI Congreso de Periodismo Digital, baixo o nome “El periodista integrado”, estaba composta por Nacho escolar (xornalista, no rol de moderador), Borja Bergareche (subdirector de Internet de ABC), Gastón Roitberg (representante de lanacion.com), Gumersindo Lafuente (adxunto ao director en El País) e Rosalía Lloret (responsabel de contidos multimedia en rtve.es).

“Os medios electrónicos salvarán ao papel”, Ramón Lobo

Estamos xa rematando a primeira xornada do XI Congreso de Periodismo Digital, organizado pola Asociación de Prensa de Aragón, que se celebra en Huesca. Esta é, sen dúbida, unha das datas sinaladas no calendario do ámbito da comunicación en España xa que son moitos os profesionais que nel participan trazando as liñas estruturais básicas da situación actual e do futuro inmediato dos cibermedios en España.

O ecosistema da comunicación en xeral, e o xornalismo en particular, está atravesando unha das crises cíclicas que o obrigan a buscar novos modelos para adaptarse a un novo contexto que, neste caso marcado pola rápida expansión das novas tecnoloxías na sociedade, forza a moitos medios a replantear as súas estratexias comunicativas e os seus modelos de negocio.

Nesta primeira xornada de congreso puidemos observar unha clara visión positiva da situación por parte dos ponentes, sen deixar de fixar a atención do auditorio nas dificultades que os medios, para os que traballan e o conxunto do sistema de medios en xeral, está a atravesar. Sen perder de vista esta situación deixaron entrever que os medios serán capaces de sobrelevar esta crise gracias á adopción de novos modelos de negocio por unha banda e, por outra banda, mediante o traballo para a construción de novos modelos de produto que lles permitan adaptar os contidos ás posibilidades que as novas tecnoloxías ofrecen e ás novas vías de consumo que as audiencias practican gracias ao exponencial aumento das conexións en mobilidade a través de banda ancha por parte dos usuarios.

Ramón Lobo, xornalista de El País que pola súa traxectoria e traballo en diversos medios (Expansión, Cinco Días, El Sol, El País…), afondou máis aínda neste debate ao afirmar que serán os medios electrónicos os que salven ao papel. De sobra sabida é a máxima que, dende hai anos, vaticina que serán os cibermedios os que asinen a acta de defunción dos medios impresos. Porén, para Lobo, serán os medios online os que lle aporten as claves ao papel para traballar en novos modelos de produto que potencien o seu valor engadido (como traballos en profunidade ou grandes reportaxes, por exemplo) fronte á inmediatez coa que Internet caracteriza aos cibermedios.

O futuro dos medios impresos xa está aquí, como afrontalo?

Non hai dúbida de que a prensa escrita se atopa nun momento de crise no que as ventas baixaron de xeito alarmante. A rápida e imparable penetración das TIC na sociedade e o uso intensivo que esta fai das novas ferramentas e conexións de banda ancha en mobilidade constrúen un panorama de reconfiguración para os medios impresos. Aquel futuro que os medios impresos vían lonxano non hai moitos anos xa chegou, e fíxoo coa mesma velocidade coa que as novas tecnoloxías se instalaron entre nós. Así, futuro é presente e comeza a ser pasado e os medios impresos proban modelos que os deben levar a reinventarse neste novo contexto.

Presentamos dúas reportaxes. Na primeria, “I tu quin diari compres?” -documental realizado pola Televisió de Catalunya- analízase a crise dos medios impresos que ven como, paradoxicamente, moitos diarios se atopan ante a difícil decisión de ter que pechar as súas redaccións nun contexto coma o actual, onde se consumen máis noticias e información ca nunca.

A segunda reportaxe foi emitida por TVE a través do seu programa Informe Semanal (27/02/2010) e, baixo o título “La tormenta de papel”, analiza a situación de crise que viven os medios impresos da man dos directores dos principais medios impresos e dixitais españois, que aportan acertadas visións e apuntan modelos de negocio cos que esperan poder adaptarse á reconfiguración dos ecosistema mediático.

Enlace: pincha aquí.