Un estudo de Novos Medios analiza a desinformación nas redes arredor da morte de Samuel Luiz

O crime do mozo Samuel Luiz na Coruña na madrugada do 3 de xullo de 2021, logo dunha brutal malleira, tivo unha importante repercusión nos medios e na sociedade en xeral. A posibilidade de tratarse dun crime de odio, xunto á politización do caso, a intervención de diferentes actores e a notable polarización evolucionaron nun clima onde proliferou a desinformación. O caso, baixo segredo de sumario durante un mes, está pendente de xuízo con xurado popular.

Investigadores do grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela publican un estudo que abordou tres perspectivas arredor do caso: a cobertura dos medios de comunicación, a conversa pública nas redes sociais e o papel dos fact-checkers.

O carácter local do incidente, que rapidamente tornou nun evento de repercusión xeral, motivou o inicio dunha investigación con espírito de comprender, explicar e responder a unha realidade próxima atravesada por un fenómeno global como a desinformación.

En primeiro lugar, analizáronse as noticias sobre o dramático evento e os avances da pesquisa durante o segredo de sumario nun medio local (La Voz de Galicia) e nun estatal (El País), reconstruíndo os encadres informativos. Nun segundo paso da investigación, abordouse a conversa en Twitter con algo máis de 750000 chíos analizados e visualizados en grafos, afondando nas principais comunidades e nas mensaxes máis difundidas para identificar as liñas discursivas e constatar a polarización, moi evidente cando hai unha posición político-ideolóxica. En terceiro lugar, estudouse o rol de verificadores como Maldita.es, Newtral, Verifica RTVE e AFP Factual, ademais de identificar e caracterizar as desordes informativas. Neste caso atopáronse evidencias de falso contexto, contido enganoso, falso e manipulado, así como a intervención de contramedios e medios partidistas.

O caso analizado exemplifica a complexa interrelación entre diferentes actores, nun contexto no que incluso os eventos máis tráxicos xeran marcos interpretativos da realidade nun clima polarizado. Nas redes sociais obsérvase un debate público dominado por actores non xornalísticos, como poden ser figuras políticas, a contorna da vítima ou colectivos vencellados. A desinformación, en diferentes graos, emerxe e tende á simplificación do discurso.

O artigo Misinformation on trial: Media coverage of a murder, public conversation and fact-checking [Desinformación a xuízo: cobertura mediática dun asasinato, conversa pública e verificación], publicado este mes na revista científica Journalism Practice, detalla a investigación realizada por Jorge Vázquez Herrero, María Cruz Negreira Rey e Xosé López García, profesores da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. A investigación enmárcase no proxecto europeo IBERIFIER, do cal a USC forma parte a través do grupo Novos Medios.