Estudo sobre a situación actual do xornalismo

Publicado un informe sobre a situación do xornalismo na actualidade, titulado Post-Industiral Journalism: Adapting to the Present, elaborado por C.V. Anderson, Emily Bell e Clay Shirky, do Tow Center for Digital Journalism, da Columbia Journalism School. No texto recóllese unha visión xeral do proceso de adaptación do entorno mediático aos novos fluxos informativos que non se centran exclusivamente nas empresas e apunta recomendacións de cambio e innovación para que os profesionais poidan adaptarse ao ecosistema dixital e tecnolóxico.
Aínda que repasa a situación do xornalismo estadounidense, permite albiscar pistas sobre as transformacións inevitables das formas e estruturas de transmitir información. A adaptación aos novos contextos informativos tanto dos xornalistas como das empresas, dende a óptica dun achegamento á mellora dos contidos e do aproveitamento da tecnoloxía, é principio axial do traballo. Os autores salientan que as novas posibilidades para o xornalismo requiren tamén novas formas de organización, que están lonxe de conservar as xerarquías e os métodos de traballo tradicionais e recalcan a necesidade de adecuación a un mundo no que as persoas, antes audiencia, non son lectores e espectadores, senón usuarios e editores, o que tería que significar un cambio, non só de tácticas senón tamén de auto-concepción , para responder á incorporación dos individuos na xestión dos datos informativos.

Anderson, C.V.; Bell, Emily; Shirky Clay. “Post-Industiral Journalism: Adapting to the Present” [en liña]. Tow Center for Digital Journalism, Columbia Journalism School, 2012. <http://towcenter.org/wp-content/uploads/2012/11/TOWCenter-Post_Industrial_Journalism.pdf > [Consulta: 19 outubro 2012]

Deixa un comentario