Acordo do grupo Novos Medios con Torres y Carrera

O grupo de investigación Novos Medios chegou a un acordo coa empresa de Comunicación Torres y Carrera para a elaboración do informe ‘O valor do silencio’, da que será co-director o profesor Xosé Pereira. O grupo Novos Medios será o encargado de facer unha análise das tendencias definidas polos principais editores de medios do mundo e de localizar as informacións que resultaron nacer de datos non confirmados e que aconteceron no ano pasado.

Trátase da terceira colaboración que o grupo de investigación e a empresa realizan para a redacción de estudos, de carácter reflexivo, sobre a situación da comunicación no mundo. O traballo que finalizará no primeiro trimestre de 2011 abordará a relación entre comunicación e ruído, o paradigma dos medios e a comunicación sostida.

No primeiro caso o informe reflexionará sobre as posibles informacións erróneas que se poden chegar a publicar nos medios de comunicación, mentres que no apartado relativo aos paradigmas dos medios abordarase a nova situación dos medios de comunicación, tecnoloxías e posibilidades ofrecidas aos usuarios. Finalmente, no relativo á comunicación sostida, tratarase a importancia da información ben elaborada e proporcionada aos acontecementos.

Deixa un comentario