Comeza o curso sobre a crise da comunicación en tempos de recesión económica

O curso ten lugar no Mosteiro de Aciveiro (Forcarei, Pontevedra) durante hoxe e mañá.

Ás 9:30h quedaba inaugurado o curso titulado “La crisis de la comunicación en tiempos de recesión económica”. Dirixido polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Xosé López e organizado no marco dos cursos de verán ofrecidos pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo, este evento trata de ser, en palabras do seu director, “un foro de debate onde se analice o panorama actual do ámbito comunicativo no contexto da crise económica” así como se “reflexionará sobre os datos que aportan as empresas mediáticas en termos de negocio así coma sobre os modelos que adoptan para solucionar os problemas nos que están inmersas”.

Na inauguración tamén participaron o Secretario Xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro, que fixou a atención dos presentes enfatizando a importancia histórica dun sistema mediático, o galego, que na actualidade “supón 200 millóns de euros de negocio ao ano e dá emprego a máis de 1.600 traballadores”.

Xosé Luis Barreiro Rivas (director da UIMP en Galicia), Ramón Villares (presidente do Consello da Cultura Galega) e David Raposeiras (alcalde do concello de Forcarei) deron a benvida aos asistentes ao curso e dispuxéronse a participar activamente no foro que tentará estudar a situación actual do sistema mediático, a influencia que ten nel a crise e as posibles medidas que os medios poden tomar para afrontar a coxuntura de recesión pola que atravesan.

É o tempo agora de que os relatores (entre os que se atopan persoeiros de relevancia coma Ramón Villares, Xosé Luis Barreiro Rivas, Ramón Reig, Marcial Murciano, Rosario de Mateo, Alfonso Sánchez Tabernero, Francisco Campos, Francisco Esteve, Fernando Salgado, Alfonso Sánchez Inzquierdo, Rosa Franquet, José Luis Dader e Ramón Salaverría) poñan enriba da mesa a problemática existente no eido mediático e provoquen o debate do que se esperan conclusións positivas para a análise e definición da crise dos medios e as medidas a adoptar para poñerlle remedio.

Deixa un comentario