José Manuel Calvo: “Na converxencia, nin integración nin desintegración” (AEDE IV)

O Subdirector de El País, José Manuel Calvo comezou a súa intervención con esta afirmación tan galega. Ante a converxencia mediática, Calvo aposta por aproximar fisicamente os xornalistas da edición dixital á redacción da edición a modo de proba (un xornalista da edición on-line na redacción de local, 3 na de deportes…). Desta proximidiade física xorde diferentes tipos de colaboración, sendo a máis importante a de actualización de temas por parte do redactor que escribe para o formato papel. O xornalista dixital apórtalle unha visión actual dos temas que xorden ao longo do día e permítelle escribir máis informado e situado no contexto da actualidade.

Porén, El País non está a apostar de xeito decidido pola integración física total das redaccións tradicional e dixital polo momento xa que, como di o seu subdirector, non se pode dicir que exista algún modelo de converxencia de medios e integración física de redaccións que acadara certo éxito empresarial. Ademais, Calvo non cre que integrar por decreto sexa a mellor solución á disxuntiva actual, xa que por unha banda crean reticencias e resistencia entre os xornalistas da edición impresa ante a chegada dos piratas dixitais (aos que en moitos casos ven como expertos no xornalismo exercido no formato que os xubilará) e, pola outra, tamén pode afogar as posibilidades do dixital nas estrututras clásicas e non adecuadas ao novo formato das redaccións tradicionais.

José Manuel Calvo, nun contexto de converxencia coma o que envolve na actualidade aos medios de comunicación, e ante o receso que están a experimentar os xornais impresos fronte aos cibermedios, aposta pola calidade da formación dos xornalistas e polos criterios xornalísticos propios dos medios tradicionais que fixeron deles modelos de referencia para conseguir superar con boa nota os exames aos que someten as audiencias e a propia profesións aos medios de comunicación.

Deixa un comentario