Gurús da rede no III Día do Emprendedor

Onte celebrouse en Santiago de Compostela o III Día do Emprendedor. Nesta xornada, promovida polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio asistimos ás conferencias de emprendedores de éxito sobre o seu modelo de negocio, sobre a utilización de Internet e o software libre como punto de partida das súas empresas.

Este é o caso de Panoramio, unha start-up nacida no sur de Alacante no ano 2005 que Google mercou no pasado ano 2007. Eduardo Manchón, un dos seus socios fundadores e ideólogos narrou a súa experiencia como empresario emprendedor e explicou a filosofía do seu traballo:”é importantísimo aproveitarse do novo modelo de traballo: o traballo en rede”. Así naceu Panoramio, unha empresa que, nos seus inicios, se dedicaba a darlle cabida ás fotos dos internautas no seu servidor e permitía asocialas ao lugar exacto onde se realizara a captura da imaxe mediante os mapas de Google Earth. Como di Eduardo Manchón, “o traballo pasou a ser cousa dos usuarios e son eles os que constrúen unha comunidade forte e dinámica; nós debemos estruturar esa comunidade e darlle sustento ideolóxico e tecnolóxico”.

Panoramio continuou a medrar e o xigante Google interesouse pola iniciativa. Nun primeiro momento recomendándoa aos seus usuarios para, no ano 2007, mercar a empresa. Pero, onde radica o éxito de Panoramio? Como di Eduardo Manchón: “o éxito radica no traballo; o máis importante non é ser o primeiro en ter unha idea, senón que o que importa é saber desenvolvela e executala dentro do modelo en rede que Internet acolle; o importante é ser flexibles, traballar e saber aprender dos erros”.

Deixa un comentario