Missika: “Vivimos nun mundo de imaxes presentes e de media ausentes”

missika.jpgLa fin de la télévision
Jean-Louis Missika
Editions du Seuil
108 páx – 09/03/2006
Prezo : 10,50 € – ISBN : 2020860872

A reflexión sobre a televisión, o medio dominante do último medio século nas sociedades democráticas modernas, podería servir tamén para a prensa e a radio, e incluso para a comunicación en xeral. É dicir, cada vez máis comunicación pero tamén, ó mesmo tempo, máis incomunicación. Reflexións sobre o papel dos mass-media na era de Internet, cando a Rede tenta converterse en medio dominante, coma no seu tempo foron a prensa e despois a televisión. Creba a vella concepción do espazo público creado polos mass-media tradicionais e emerxen uns novos media, máis ¿como serán os seus elos de federación para a relación e a responsabilidade social?

Un dos autores franceses de referencia no estudio dos media, que publicara hai máis de vinte anos xunto a Dominique Wolton La Folle du logis: la télévisión dans les societés démocratiques (Gallimard, 1983), volve agora de novo cunha revisión do papel actual do fenómeno televisivo. Jean-Louis Missika opina en La fin de la télévision (Seuil, 2006) que “vivimos nun mundo de imaxes presentes e de media ausentes. Cada vez máis imaxes e menos televisión. Vamos a ter unha sociedade sen televisión. Non é a televisión en canto tecnoloxía a que desaparece senón a televisión como media, a televisión como instrumento de focalización das sociedades modernas, a mesma que o 20 de xullo de 1969 reuniu a todo o planeta para ver dar os pasos de Armstrong na lúa, ou aquela que reúne a millóns de telespectadores diante dos telexornais da primeira hora da noite”.

O libriño de Missika, lúcido e fresco, provocador e interesante, ábrese partindo da clasificación das tres idades da televisión: a paleo-televisión, a neo-televisión e a post-televisión. Noutro capítulo reflexiona sobre a hipersegmentación, a dixitalización, o fin da independencia económica e a desprofesionalización. Na última parte da obra aborda a desintegración do espazo público, os media como acontecemento e as tres idades da información televisiva (a institucional da paleo-televisión, a info-espectáculo da neotelevisión e a fusión da post-televisión).

F. CAMPOS

Deixa un comentario