I+C. Oportunidades e desafíos para a cultura galega en Internet: o libro

GAGO MARIÑO, M; MOURIÑO CABALEIRO, C. (eds.), I+C. Oportunidades e desafíos para a cultura galega en Internet. Consello da Cultura Galega, Consellaría de Innovación e Industria – Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Consellaría de Cultura e Deporte – Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, Santiago de Compostela, 2007. 52 páx.

I+C. Oportunidades e desafíos para a cultura galega en Internet é unha publicación que explora a situación actual da Internet en Galicia e as posibilidades que ten a cultura galega -a creación, o desfrute, a industria, a distribución- actualmente na rede, así como explora os planos dos sectores culturais galegos na Internet dos inmediatos vindeiros dous ou tres anos. Neste pequeno libriño de 52 páxinas en formato arrevistado colaboraron un bo número de autores e autoras, e pódense escoitar un gran número de voces máis. No deseño editorial quixemos empregar diferentes formatos narrativos: desde os artigos de reflexión ata estudos de caso, reportaxes, entrevistas e antoloxías de creación cultural na rede. A publicación está editada por Cristina Mouriño e por Manuel Gago.

Cómpre destacar o notábel traballo de dirección de arte do deseñador de Aguiño (Ribeira) afincado en Barcelona Marcos Varela, que apostou por un deseño baseado nas publicacións underground e nos fanzines.

Trátase dunha publicación conmemorativa, co gallo da coincidencia do Día de Internet e do Día das Letras Galegas no 17 de maio, e destinada a profesionais do mundo da cultura e público en xeral.

Descarga en PDF:
I+C. Oportunidades e desafíos para a cultura galega en Internet

Consultar índice no interior do post

Presentación de Ramón Villares.
Presidente do Consello da Cultura Galega

Presentación de Fernando Blanco.
Conselleiro de Innovación e Industria da Xunta de Galicia

Presentación de Ánxela Bugallo.
Conselleira de Cultura e Deporte

Coñecemento & creatividade na era da web
O xornalista e profesor Francis Pisani explica como o cambio determinante da internet actual non está na tecnoloxía, senón na emerxencia dunha cultura da participación.

Fóra de sitio
Moita da cultura galega xa se está a crear directamente sobre internet. Carlos Neira trae desde internet algúns dos exemplos máis interesantes nos diferentes ámbitos da creación.

De como a rede mudou a nosa vida
A integración de internet na vida cotiá dos galegos e galegas está a modificar pautas de comportamento que afectan ás relacións sociais, ao traballo ou ao consumo. Fernando Garrido analiza estes cambios.

A e-mpresa cultural
En que medida as empresas da industria cultural están a afrontar o cambio cara ao soporte dixital? Xan Bouzada describe as liñas básicas da nova situación e Cristina Mouriño entrevista a axentes da empresa cultural.

Conectad@s coa música
A empresa Falcatruada é hoxe unha sólida estrutura de apoio á música en Galicia que se basea na súa plataforma web. Olga Castro explica o éxito en internet da compañía.

A gran maré dos usuarios
A internet de 2007 é un riquísimo cóctel de contido multimedia creado por usuarios e novas lóxicas de traballo en grupo. Fernando Sarasquete analiza os formatos de éxito entre os usuarios e Manuel Gago indaga nos cambios

A rede C
Que a rede serve para distribuír información é obvio. Pero moitos grupos culturais de base deron un paso adiante e empregan Internet como a forma normal de traballo e organización. Xermán Hermida pescudou para coñecer máis estes procesos.

A propiedade intelectual ante o reto de Internet
Se existe un tema conflitivo nas relacións entre internet e o sector cultural, sen dúbida é o factor da propiedade intelectual. Víctor Salgado explica as claves do marco legal actual.

Enredando coa fantasía
Galicia Encantada leva máis de dous anos difundido o noso imaxinario tradicional na rede. Antonio Reigosa, o seu responsable, explícanos como se consegue.

Uvas e beizóns no messenger
Belén Regueira propón un diálogo vía messenger entre dous dos blogueiros cunha traxectoria moi dilatada na vida cultural galega: Manuel Bragado e Marcos Valcárcel.

Deixa un comentario