O Consorcio Audiovisual de Galicia convoca un obradoiro de curtas

Nacho Vigalondo e Borja Cobeaga serán os encargados de impartir o curso, que se celebrará do 7 ata o 11 de maio.

“Como se fai unha curtametraxe” é o título do obradoiro que o Consorcio Audiovisual de Galicia organiza do 7 ao 11 de maio na Sala Audiovisual do Centro Multimedia de Galicia en Santiago de Compostela. Os encargados de impartir o curso serán Nacho Vigalondo e Borja Cobeaga, candidatos ao Oscar á mellor curtametraxe nos anos 2004 e 2006, respectivamente.

O obradoiro, que se estrutura en sesións de tarde, ten un carácter teórico-práctico e repasará tódolas etapas da elaboración dunha curtametraxe, dende a idea orixinal ata a realización e difusión, pasando pola montaxe ou o son. Dentro das sesións do curso, está previsto o visionado (con entrada libre) de 4 curtas de Vigalondo e Cobeaga. A proxección terá lugar o día 10 no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación.

O Consorcio Audiovisual de Galicia organzia este obradoiro dirixido a aqueles profesionais (directores, actores, guionistas ou técnicos) que xa participaran nalgunha obra audiovisual e se atopen en fase de desenvolvemento dun novo proxecto.
A data límite para o envío de solicitudes é o 25 de abril. Todos aqueles que queirades máis información ou acceder ás condicións e formularios de inscrición, poderedes atopalos na páxina do Consorcio.

Deixa un comentario