Achegas para un novo modelo de televisión pública

Radio y televisión en España. Historia de una asignatura pendiente de la democracia
Enrique Bustamante
Gedisa, 2006. 285 páxinas

A celebración no ano 2006 do cincuenta aniversario da chegada da televisión a España animou a elaboración de varios estudos e a publicación de libros nos que se analiza a traxectoria da televisión no Estado, desde a súa aparición en tempos da ditadura ata o momento actual, no que hai un intenso debate para buscar outro modelo máis acorde cos tempos. Moitos deses libros só recollen anécdotas, relatorios dos programas que fixeron historia e entrevistas cos seus protagonistas. Outros, os menos, analizan as estratexias da televisión nas súas distintas etapas, con referencias ao seu contexto histórico.

O libro de Enrique Bustamante, un dos nomeados polo Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero para elaborar un informe sobre o modelo de televisión, pertence a este último grupo. Trátase dun texto ben estruturado, escrito con claridade e que mostra o talento deste catedrático de Comunicación Audiovisual na Universidade Complutense de Madrid. Bustamente explica con intelixencia os pasos que foi dando o único medio de comunicación audiovisual que entraba nas casas da maioría dos habitantes do Estado español.

O modelo de radio e televisión autoritario que instaurou o franquismo evolucionou ao longo da súa historia, na liña das reformas que introduciu o propio réxime ditatorial, pero sen renunciar a imposición dun espazo público totalmente unificado. Esta tendencia rompeuse coa chegada da restauración democrática, cando, despois dunha primeira etapa de continuidade, déronse pasos adiante para fixar novas regras de xogo. Foi así como, froito dos denominados Pactos da Moncloa, acordouse a creación dun Consello Rector Provisional de RTVE que se encargou do futuro estatuto e de conducir o cambio, que chegaría coa década dos oitenta.

O monopolio público, logo de asentar un modelo gubernamental, encontrouse coa chegada da televisión privada, coa aparición das autonómicas, e con moitas improvisacións que, pouco a pouco, puxeron pedras no camiño de RTVE. A súa economía entrou en crise e, a partir dese momento, multiplicáronse os problemas. Os distintos gobernos seguiron utilizando os mecanismos de control, uns máis ca outros, e non quixeron buscar acordos para un cambio de modelo. O medio quedou nunha encrucillada de difícil saída.

Estas distintas etapas están perfectamente retratadas no estudo de Enrique Bustamante, quen, na última parte do seu traballo, presta especial atención á necesidade de deseñar un novo modelo que asegure una televisión pública competitiva e democrática. Bustamante sostén que o Goberno de Rodríguez Zapatero xerou fortes expectativas de rexeneración do servizo público, aínda que cunha política zigzagueante. Esa falta dun plan preciso e ambicioso para RTVE provoca que se manteñan moitos interrogantes no que atinxe ao seu futuro.

Certamente, neste libro Enrique Bustamante non só conta o moito que sabe da televisión en España e das súas etapas, senón que arrisca propostas de futuro para acadar un modelo que responda as necesidades do servizo público audiovisual na era dixital. A súa é unha aposta intelixente de futuro para a televisión pública.

Xosé López

Deixa un comentario